publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Unha veciña das Nogais gasta 8.500 euros para desprazarse a Ferrol para o tratamento do seu cancro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NogaisFerrolLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Europa Press

Un total de 8.550 euros é o que tivo que aboar unha anciá do municipio das Nogais (Lugo), que padeceu un cancro de mama, para o tratamento ao que se ten que someter diariamente e durante 45 días na cámara hiperbárica, para o que se ten que desprazar a Ferrol.

A filla da muller, Teresa Rodríguez, sinalou que pasou ese mes e medio, “dende” que a súa nai inicio o devandito tratamento. Ademais, engadiu que chegou a presentar unha queixa ante a valedora do Pobo, que o 3 de agosto lle transmitiu que o Sergas dispoñía de quince días para resolver a súa reclamación, sen que “de momento” ninguén se puxera en contacto coa familia.

“Dúas veces reuninme coa Inspección, as dúas veces dixéronme que depende do médico de cabeceira (das Nogais) e este di que depende dos servizos sanitarios da inspección”, lamentou.

O “caso”, relatou, é que a súa proxenitora “segue facendo unha viaxe de 342 quilómetros cada día dende As Nogais”, debido ao que tivo que aboar 8.550 euros ao taxista que a leva ata o lugar. Así, puntualizou que cada xornada lle supón 190 euros.

Teresa Rodríguez insistiu en que non é o diñeiro o que “buscan”, aínda que engadiu que é moito diñeiro para os seus pais, que cobran “pensións de pouco máis de 600 euros”. Así, queixouse de que “as persoas da montaña (de Lugo) non dispoñen de transporte sanitario e que non teñen outra forma de ir senón é levándolles os seus fillos, pero non podemos porque temos os nosos traballos”, xustificou.

Previamente ao tratamento, a paciente “fixo a ruta do cancro, esa ruta que tiveron que facer tantos lucenses para ir A Coruña”, recordou, dado que aínda non se implantou na súa totalidade o servizo de radioterapia no Hospital Universitario Lucus Agusti (HULA).

“Despois do tratamento de radioterapia as feridas que lle quedaron son importantes. Unha das posibilidades era a cámara hiperbárica e só as hai en Vigo e en Ferrol e o sitio máis preto é Ferrol”, puntualizou.

Teresa Rodríguez protesta porque “a Xunta non quere saber nada”, ao tempo que lanza reproches contra a valedora do Pobo por dicir, semanas atrás, que a provincia de Lugo “é a que menos información pasa a valedora”. “A que menos información pasa á valedora é a Consellería de Sanidade”, clama.

Así mesmo, recordou que o 3 de agosto lles contestaron da oficina da valedora do Pobo “dicindo que se admitía a trámite a queixa e lle daba quince días ao Sergas para contestar”. Un prazo que concluíu e sen ningunha resposta, aínda que apunta que unha opción que se lles puxo enriba da mesa era o abono de doce céntimos por quilómetro, o que supoñen pouco “máis de 41 euros fronte aos 190″ que se paga diariamente ao taxista que a traslada á cidade departamental.

RESPOSTA DO VALEDOR DO POBO

Pola súa banda, o Valedor do Pobo xa recibiu, hai unhas dúas semanas, a resposta da Consellería de Sanidade e agora o técnico especialista na materia estudará o caso para emitir unha resolución definitiva, segundo confirmaron fontes da institución comisionada.

Neste sentido, indicaron que non se pode adiantar a se a resolución, que iniciou a súa tramitación en agosto, será positiva ou negativa, pero confirmaron que segue a súa tramitación e que se dará unha resposta.

20 de setembro de 2016 | 18:02 • Sen comentarios

Comentarios pechados.