publicidade hoxe

Simulacro técnico na helisuperficie do Hospital do Salnés para optimizar o seu funcionamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+
Simulacro no Hospital do Salnés

Simulacro no Hospital do Salnés

O 061 de Galicia vén de realizar un simulacro técnico dun traslado sanitario urxente en helicóptero medicalizado desde a helisuperficie do polígono de Baión, en Vilanova de Arousa, ao novo servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, coa fin de optimizar o funcionamento da nova infraestrutura.

O simulacro supón o punto de partida da posta en funcionamento desta helisuperficie que xa está operativa e permite realizar traslados aéreos de pacientes ao Hospital do Salnés, así como traslados de pacientes que necesiten ser trasladados desde este centro hospitalario aos centros sanitarios de referencia, segundo as patoloxías dos doentes.

Ata agora o punto de toma do helicóptero medicalizado do 061 de Galicia para os traslados sanitarios ao Hospital do Salnés estaba no porto de Vilagarcía de Arousa. A partir de hoxe, grazas á posta en disposición destes espazos por parte do Concello de Vilanova, o funcionamento da nova helisuperficie no polígono de Baión non só mellorará os tempos dos traslados hospitalarios, pola proximidade ao centro hospitalario, senón que tamén a amplitude da superficie habilitada para a engalaxe e a aterraxe da aeronave sanitaria e as súas características técnicas suporán unha importante mellora da seguridade, visibilidade e accesibilidade dos traslados sanitarios realizados polo helicóptero medicalizado do 061 de Galicia.

Estiveron presentes na maniobra o xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa García-Bernardo; o director de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal; o xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada Pontevedra e O Salnés, José Manuel González; acompañados polo director de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, José Antonio Iglesias Vázquez, e o alcalde do Concello de Vilanova, Gonzalo Durán, entre outras autoridades.

Novo Servizo de Urxencias do Hospital do Salnés

No día de hoxe, e complementariamente ao simulacro asistencial do 061, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, efectuou unha visita técnica para coñecer de primeira man esta nova infraestrutura, así como as dependencias do novo servizo de Urxencias do Hospital do Salnés, que presta servizo na comarca arousá desde o pasado mes de xuño.

Acompañado polo xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González Álvarez e polo xerente executivo do hospital arousán, Bibiano Fernández-Arruti López, entre outras autoridades, o titular de Sanidade supervisou estes espazos, que duplican a capacidade de triaxe, observación e atención aos pacientes e dispoñen dunha zona específica de urxencias pediátricas.

Así mesmo, no transcurso desta visita técnica no novo anexo do Hospital do Salnés, os responsables sanitarios desprazáronse ao seu bloque obstétrico, que dispón de dúas salas polivalentes, dúas unidades de tratamento, parto e recuperación, unha consulta e unha sala de reanimación dos acabados de nacer.

O conselleiro de Sanidade aproveitou a visita técnica para supervisar neste novo anexo o remate do bloque cirúrxico, que dotará en breve o centro arousán de cinco quirófanos, unha área de Cirurxía Maior Ambulatoria e unha unidade de coidados poscirúrxicos, con nove camas de espertar, nove postos de cadeiras de brazos de reintegración ao medio e dous boxes de illables e coidados postanestesia. Tamén inclúe un novo Hospital de Día, con 10 boxes.

1 de setembro de 2016 | 18:33 • Sen comentarios

Comentarios pechados.