publicidade hoxe

Posta en marcha das visitas teatralizadas no castelo de Soutomaior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSoutomaior
A-
A+

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo deputado delegado de turismo, Santos Héctor Rodríguez, participaron nunha visita teatralizada piloto ó Castelo de Soutomaior para coñecer in situ o seu desenvolvemento. As visitas, que comezan mañá e se estenderán ata o 23 de outubro, serán as primeiras que se organicen no castelo e teñen xa nestes momentos cubertas as súas prazas.

Trala visita teatralizada piloto, Carmela Silva quixo felicitar á compañía encargada da montaxe, Limiar Teatro, “pola súa capacidade para poñer en valor a historia do castelo e os seus xardíns e divulgala, dunha forma tan entretida, chea de retranca e humor, para espertar a curiosidade de persoas de diferente idade”. Neste eido, a Presidenta da Deputación subliñou que a través do Plan de Usos e Viabilidade do Castelo de Soutomaior, presentado a pasada semana e elaborado “porque non se lle estaba dando ó castelo o seu valor real”, “queremos poñer en marcha diferentes actividades neste recinto co obxectivo de achegarnos ás familias, xa que sabemos que o turismo familiar está a acadar cada vez máis cotas de interese, e impulsar tamén a desestacionalización do turismo”.

As visitas teatralizadas no castelo de Soutomaior, que terán lugar de xoves a domingo, durarán aproximadamente 45 minutos e nelas actores e actrices, vestidos de época, revivirán en clave humorística e coa retranca que tanto caracteriza ás e ós galegos, algúns momentos da historia do castelo. Durante o percorrido, que se vai desenvolver tanto dentro como fóra do castelo, “os visitantes – tal e como destacou a Presidenta da Deputación de Pontevedra- poderán ver desde ó señor do Castelo, Pedro Madruga, ata unha grande muller que marcou o camiño para que as demais foramos detrás dela defendendo os nosos dereitos, María Vinyals, outra gran muller como Emilia Pardo Bazán ou un trobador”.

Carmela Silva manifestou que para esta primeira edición atópanse xa todas as prazas cubertas pero que de cara a vindeiras visitas teatralizadas se incrementarán porque “o noso obxectivo é que o Castelo e o seu xardín sexan visitados por milleiros de persoas para que poidan coñecer a nosa historia, xa que non se pode construír presente nin futuro sen recoñecer o pasado e, o noso, foi grandioso”.

As visitas teatralizadas correrán a cargo de Limiar Teatro, unha compañía galega creada no ano 2009. O seu espectáculo en Soutomaior ten por obxectivo poñen en valor o patrimonio material e inmaterial do castelo e os seus xardíns por medio do teatro, a danza, a música, a narración oral, a creación audiovisual e a gastronomía para crear unha experiencia multisensorial única para coñecer e descubrir a súa historia.

22 de setembro de 2016 | 18:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.