publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Permanecen activos incendios en Lobeira, Lobios, Boborás, Muíños e Oímbra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBoborásLobeiraLobiosLocal PortadaMuíñosOímbraOurensePortada dereita
A-
A+
Europa Press

Despois dunha xornada de elevadas temperaturas en toda a comunidade, a provincia de Ourense rexistra na mañá deste mércores cinco incendios activos e fóra de control: nos concellos de Lobeira, Lobios, Boborás, Muíños e Oímbra, segundo a información da Consellería de Medio Rural, que só achega datos daqueles lumes superiores a 20 hectáreas de afectación.

Só neste último, o declarado na parroquia de Bousés, segue activada esta mañá a alerta por proximidade a casas, en concreto por proximidade aos núcleos de Espiño e Bousés. As lapas iniciáronse ás 14,05 horas e calcinaron unhas 500 hectáreas. Nos labores para tratar de controlalas participaron dous técnicos, 14 axentes, 29 brigadas, 12 motobombas, tres pas, seis helicópteros e catro avións, así como a unidade militar de emerxencias (UME), medios da Deputación, bombeiros municipais e efectivos de Protección Civil.

En Muíños a denominada ‘situación 2′ por risco para vivendas desactivouse hai unhas dúas horas. O lume, na parroquia de Requiás, declarouse ás 6,45 horas deste martes e continúa activo tras arrasar máis de 500 hectáreas, todas elas no parque natural do Xurés. No seu control levan traballado dous técnicos, seis axentes, 31 brigadas, oito motobombas, tres pas, 10 helicópteros e sete avións, ademais da UME, Protección Civil e GES.

En Boborás, está activo un incendio dende as 16,44 horas do martes na parroquia de Brués, e queimou máis de 20 hectáreas. No seu control traballaron 10 axentes, 18 brigadas, 13 motobombas, tres helicópteros e dous avións. Tamén colaboran efectivos de Protección Civil e de GES.

O lume que se rexistraba este martes ás 18,46 horas no municipio de Entrimo localízase no concello lindante de Lobios, segundo informa o departamento autonómico. Na parroquia da Illa, en concreto, onde arderon máis de 20 hectáreas, traballan tres axentes, oito brigadas, oito motobombas e un helicóptero.

Por último, en Lobeira, ás 00,00 horas deste mércores comezou un incendio na parroquia de A Fraga que permanece activo e queimou máis de 50 hectáreas e no que participan na súa extinción tres axentes, sete brigadas e catro motobombas.

Controlado mantense o lume en Chantada, onde afectou a Rede Natura e queimou 106,44 hectáreas, das que 49,14 son arboradas e o resto de monte raso.

7 de setembro de 2016 | 12:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.