publicidade hoxe

Os peiraos da ría de Noia incrementaron nun 50% o número de embarcacións en tránsito en xullo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPorto do Son
A-
A+

Os portos de titularidade autonómica da ría de Noia recibiron 294 barcos en tránsito durante o pasado mes de xullo. Así o comunicou o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha visita ás instalacións deportivas de Portosín, no municipio de Porto do Son.

Segundo datos facilitados polos propios xestores, as dársenas de Muros e Portosín incrementaron nun 50% de media o número de embarcacións en tránsito respecto ao mesmo período do ano anterior, no que recalaran nesta ría 196 barcos destas características. En concreto, Muros recibiu este xullo 226 embarcacións en tránsito, fronte a 162 en xullo de 2015; e Portosín 68, fronte as 34 do pasado ano.

Deste xeito, a ría de Noia confirma a consolidación desta actividade portuaria que experimentara xa o pasado ano un importante ascenso no mes de xullo e que no que vai de ano está a manter os bos resultados. Non en van, o conxunto dos peiraos autonómicos de Galicia rexistraron no citado mes preto dos 2400 tránsitos, un 3,5 % máis que o ano pasado. Polo que respecta ás procedencias das embarcacións en tránsito, maioritariamente foron estranxeiras, sobre todo francesas e británicas.

Durante a súa visita a Porto do Son, Durán Hermida lembrou a importante repercusión desta actividade para a economía local dos municipios costeiros dado o volume de negocio que xera no sector náutico e auxiliar e no sector servizos. Por este motivo, para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica.

Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional. Así, cómpre reseñar a participación de Portos de Galicia, en colaboración con Turismo de Galicia, en eventos de referencia no sector do turismo náutico, como o a feira Fitur de Madrid, o Salón Náutico Internacional Grand Pavois, de La Rochelle, o Salón Náutico de París. Portos de Galicia ten previsto dar continuidade a estas accións en base á súa incidencia nas cifras de captación de actividade náutica para os peiraos galegos.

1 de setembro de 2016 | 13:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.