publicidade hoxe

Ordes érguese como referente na doazón de sangue

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos vén de agradecelle ao Concello de Ordes a súa implicación na doazón de sangue, e especialmente coa campaña desenvolvida este verán.

Como dato representativo da xenerosidade do pobo ordense pódense citar as xornadas dos pasados 22 e 23 de agosto na que 102 veciños e veciñas acudiron á unidade móbil de transfusión, situada entre os parques municipais da Constitución e Félix Rodríguez de la Fuente. Un xesto imprescindible para poder realizar o labor existencial nos centros hospitalarios galegos.

Estas cifras están en concordancia coas estatísticas rexistradas ata o de agora. No pasado 2015 foron un total de 851 doazóns, o que supón 67 doazóns por cada 1000 habitantes ao ano. Unha tasa que se sitúa por riba da recomendada pola Organización Mundial da Saúde para cubrir a necesidade de compoñentes sanguíneos que precisan os hospitais (40 – 60 doazóns  por cada 1000 habitantes ao ano).  

Dende as distintas plataformas dixitais e redes sociais do Concello de Ordes, así como dende a súa radio municipal, véñense facendo campañas informativas e de concienciación dende hai tempo. “A finalidade é incrementar o número de doadores do municipio para axudar ao maior número de persoas posibles”, aseguran dende o Concello.

En termos xerais dende 1993, ano no que a unidade móbil visitou por primeira vez o municipio ordense, houbo un total de 15.798 doazóns realizadas por 2.194 persoas censadas como doadoras. Unhas cifras coas que se poderían levar a cabo máis de 7.900 intervencións cirúrxicas ou a transfusión de plaquetas a máis de 2.600 enfermos de cancro ou leucemia. 

1 de setembro de 2016 | 18:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.