publicidade hoxe

O DOG publica a licitación das obras de ensanche e mellora da estrada entre Ordes e Cerceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCercedaOrdes
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a licitación das obras de ensanche e mellora da estrada entre Ordes e Cerceda por un importe de algo máis de 2 millóns de euros. No seguinte enlace pódese consultar mais información relativa ao decreto que se publica hoxe no DOG: goo.gl/VnMX2D

No DOG indícase que a data límite para a presentación de ofertas é o próximo 13 de outubro e o prazo de execución é de 18 meses.

Cómpre lembrar que onte o BOP publicaba a resolución pola que se sinalaba a data para o levantamento de actas previas á ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras. Os propietarios dos terreos deberán acudir os vindeiros 17, 18 e 19 de outubro, entre as 9.30 e 13.30, á escola unitaria de Mercurín.

Este proxecto de construción ten por obxecto a mellora e acondicionamento da estrada que comunica o municipio coruñés de Ordes co de Cerceda, nos puntos quilométricos 0+000 e 7+000. O carácter de urxencia da ocupacións destes bens e dereitos precisos para a execución das obras vén motivada, porque na actualidade a estrada que comunica Ordes con Cerceda a través de Mercurín resulta estreita e pouco axeitada, tendo en conta a importante intensidade de vehículos pesados que circulan por ela por servir de acceso principal a varias instalacións industriais entre as que se atopa a Sociedade Galega do Medio Ambiente (Sogama).

Por iso, a Axencia Galega de Infraestruturas aumentará a súa capacidade e incrementará a seguridade viaria mediante o aumento da súa sección e mellora de sinalización, drenaxe, balizamento e interseccións.

Cómpre lembrar que, recentemente, o Consello da Xunta autorizaba o cambio de titularidade de varios treitos de estradas autonómicas e locais entre o Goberno galego e o Concello de Ordes.

A Xunta de Galicia asumía a titularidade da estrada local que comunica Ordes e Cerceda pasando por Mercurín, no tramo que percorre o Concello de Ordes, para executar actuacións de mellora. Esta vía ten unha lonxitude de 8,28 km e constitúe o principal acceso a Sogama.

16 de setembro de 2016 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.