publicidade hoxe

O Concello do Carballiño procura superar as 14.000 doazóns de sangue

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Carballiño
A-
A+

A solidariedade dos veciños do Carballiño en 2015 acadou as 699 doazóns de sangue, o que supón 50 doazóns por cada 1.000 habitantes, unha taxa de doazón que cumpre co que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS) para cubrir as necesidades de compoñentes sanguíneos dos hospitais (40 a 60 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano).

O Carballiño conta con 1.743 doadores censados, que realizaron 13.990 doazóns de sangue dende a primeira visita dunha unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia en marzo de 1995. Coa campaña deste mes de setembro no municipio vanse superar as 14.000 doazóns de sangue nos máis de 21 anos de solidariedade dos seus veciños.

O Centro de Transfusión de Galicia, organismo integrado na recentemente creada Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) da Consellería de Sanidade, e o concello do Carballiño impulsan a participación da veciñanza nas campañas de doazón de sangue para garantir o labor dos hospitais galegos, que precisan 10.000 doazóns de sangue cada mes.

As épocas de maior dificultade para a doazón de sangue coinciden co período de vacacións de verán (xullo, agosto e setembro). Por iso, lévanse a cabo accións informativas coas entidades locais para tratar de garantir unha participación axeitada que permita cubrir as necesidades de compoñentes sanguíneos dos centros sanitarios.

Así, a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue está a desenvolver unha campaña co lema Súmate. Doa sangue, que pretende manter constante a participación nestes meses.

Neste sentido, as persoas maiores de 18 anos que desexen participar, poden acudir á unidade móbil que estará situada no Concello de Carballiño mañá e pasado -días 6 e 7 de setembro- na praza do Emigrante (Pista Roxa), en horario de mañá e tarde, de 10:00 h. a 14:00 h e de 16:00 h a 21:00 horas.

5 de setembro de 2016 | 19:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.