publicidade hoxe

O centro de día de Maceda celebra unha xornada de portas abertas como antesala da súa entrada en funcionamento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMaceda
A-
A+

O centro de día de Maceda, integrado na rede autonómica do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, e que en breve entrará en servizo, levará a cabo mañá, mércores, 21 de setembro, ás 19,00h, unha xornada de portas abertas organizada polo Concello de Maceda para dar coñecer esas instalacións aos seus potenciais usuarios.

Todas as asociacións veciñais e empresariais do municipio están convidadas a ese encontro, ao que asistirán ademais responsables do Concello e da empresa adxudicataria da xestión do centro, para explicar polo miúdo como será o seu funcionamento e cales son os servizos e prestacións que ofrece.

Está previsto que o centro de atención diúrna de Maceda, cunha capacidade máxima para 60 maiores, reciba en breve aos seus primeiros usuarios malia que, como é o habitual nestes casos, botará andar con 30 usuarios, cifra que se irá incrementando de xeito gradual.

O pasado 28 de xullo xa tivo lugar no centro unha reunión con alcaldes, concelleiros da área de Benestar e traballadores dos servizos sociais dos concellos de Maceda, Paderne de Allariz, Baños de Molgas, Montederramo, Esgos, Xunqueira de Espadañedo, Vilar de Barrio, Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín, posto que a Xunta proxectou e executou esas instalacións para dar cobertura tamén a usuarios derivados polos servizos sociais de municipios limítrofes ou cercanos.

O centro de día de Maceda, en Ourense, é un dos catro dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar que entrarán en funcionamento este ano, xunto cos de A Pobra do Caramiñal e Curtis (na provincia de A Coruña), e Redondela (na de Pontevedra).

20 de setembro de 2016 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.