publicidade hoxe

Marnotes pon en valor na Laracha a importancia dos obradoiros para mellorar o acceso a un emprego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA LarachaArteixo
A-
A+
Marnotes no encontro cos alumnos participantes no programa

Marnotes no encontro cos alumnos participantes no programa

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, mantivo hoxe un encontro cos alumnos e alumnas do obradoiro ‘Colaborando polo Emprego III’, que comparten os concellos da Laracha e Arteixo.

Os participantes reciben formación de calidade ao tempo que acceden a un posto de traballo nas especialidades de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes e en carpintería e moble. Entre os labores que levarán a cabo destacan o acondicionamento do parque forestal de Monticaño, actuacións de mellora no paseo marítimo de Caión e na zona fluvial do río Anllóns, na área de Gabenlle, na praza Maximino Canedo e na piscina municipal da Laracha.

Marnotes avogou por estes programas mixtos de formación e emprego que amplían as oportunidades laborais das persoas desempregadas, ao tempo que contribúen a fixar poboación no rural. Lembrou, ademais, que un 20% das prazas dos obradoiros resérvanse para os beneficiarios da Risga para favorecer tamén a inserción laboral dos colectivos máis vulnerables.

“Coa formación que recibides impúlsase, ademais, o emprendemento xa que se imparte cualificación específica para iniciar os vosos propios proxectos”, apuntou Marnotes, quen recordou que ao remate dos obradoiros, os alumnos e alumnas reciben un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional. “Apostar pola cualificación é apostar pola creación de empregos estables e de calidade e por novas oportunidades de traballo”, subliñou.

Marnotes referiuse tamén ás lanzadeiras de emprego e programas integrados de emprego que ten en marcha a Administración autonómica para incrementar as oportunidades laborais dos seus participantes e que, ao igual que os obradoiros, forman parte da Axenda 20 para o Emprego, a planificación do Goberno galego en materia laboral. Con respecto aos programas integrados, salientou que esta iniciativa establece un obxectivo de inserción laboral dos seus alumnos e alumnas tendo, deste xeito, que acadar un emprego o 25% dos participantes.

En definitiva, indicou que o reto principal da Xunta con estes programas é “preparar ás persoas sen emprego para ser capaces de adaptarse ao entorno laboral cambiante no que se atopa Galicia”.

20 de setembro de 2016 | 16:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.