publicidade hoxe

Lesmes supervisa co alcalde de Baiona o inicio das obras do parque infantil e da zona biosaudable de A Rega,

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaiona
A-
A+

A secretaria territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes, realizou esta mañá unha visita técnica ao concello de Baiona, invitada polo alcalde do municipio, Ángel Rodal, co obxectivo de facer unha comprobación material das obras de instalación dun parque infantil e unha zona biosaudable no lugar de A Rega, en Urgal.

Os traballos, subvencionados a través da orde de axudas para Infraestruturas de Uso Público da Xunta de Galicia, contan cun orzamento total de 35.000 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 2 meses. Este mesmo luns comezan coas labores de roce.

Deste xeito, a actuación enmárcase nunha parcela duns 250 metros cadrados que contará cun pavimento adecuado para o uso ao que vai a ser destinado (superficie de absorción de impactos na zona infantil e superficie regularizada no resto) e onde os elementos a instalar na zona infantil serán: diábolo, balancíns; columpios e remolinos. Mentres, na área biosaudable os elementos que se instalarán serán: patíns, xiro de cintura, roda grande, un sube e baixa, un esquí de fondo e barras de estiramento. Ademais, as zonas destinadas ao parque infantil estarán delimitadas e cercadas de forma segura para evitar un acceso inmediato á calzada dos usuarios, mediante unha valla de madeira; colocarase mobiliario urbano (papeleira, iluminación, bancos, mesas, arbolado…) e, por último, tamén se colocará un panel informativo.

A Orde de subvencións da Vicepresidencia na que se enmarca esta actuación, para a creación e/ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais destinadas a concellos galegos en 2016, cofinanciada polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia, conta cunha axuda global de 1,7 millóns de euros a nivel provincial.

Este programa ten entre as súas prioridades a mellora da calidade de vida nas zonas rurais e por iso o Goberno galego decidiu apoiar economicamente a aquelas actuacións cuxo obxectivo sexa mellorar as infraestruturas e equipamentos de uso público e, por tanto, dos servizos municipais que os concellos prestan aos seus veciños e veciñas.

As actuacións subvencionables baixo esta orde son proxectos de construción, mellora, ampliación ou rehabilitación de espazos públicos -prazas, paseos, rúas, parques públicos e parques infantís-; edificios ou dependencias municipais destinados á prestación de servizos administrativos; e instalacións deportivas de uso público; así como as súas respectivas dotacións de equipamentos. Ademais, tamén eran subvencionables as instalacións, ampliacións e melloras das redes de alumeado público e a pavimentación de vías municipais que non estean incluídas no programa de mellora de camiños do concello beneficiario.

16 de setembro de 2016 | 17:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.