publicidade hoxe

Francisco Conde destaca que a alianza de Aimen e Wärtsilä demostra que as unidades mixtas impulsan o emprego e a competitividade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Porriño
A-
A+
Francisco Conde na visita ás instalacións de Wärtsilä Ibérica

Francisco Conde na visita ás instalacións de Wärtsilä Ibérica

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, visitou esta mañá no Porriño as instalacións de Wärtsilä Ibérica, empresa que está a desenvolver co centro tecnolóxico Aimen a Unidade Mixta de Investigación Next-Bearings, centrada no desenvolvemento dun nova xeración de compoñentes navais. Neste sentido, destacou que esta iniciativa contribúe a consolidar o emprego cualificado e a mellorar a capacidade competitiva do tecido empresarial galego.

A Unidade Mixta empeza xa a obter os seus primeiros resultados, o que permitirá o desenvolvemento e implantación dunha cela láser en Wärtsilä capaz de optimizar a produción de compoñentes, consolidando así a esta fábrica do Porriño como un dos referentes mundiais no deseño e a fabricación de pezas para a liña de eixos de buques.

A iniciativa impulsada desde Aimen e Wärtsilä está aliñada coa Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia RIS3 e coa Axenda da Competitividade Galicia- Industria 4.0. “Esta Unidade Mixta constata que Galicia segue dando pasos para manterse á vangarda da innovación e que está sabendo interpretar os retos de futuro, que pasan por mellorar os seus produtos e os procesos produtivos”, afirmou Conde, quen engadiu que Aimen e Wärtsilä están a facer unha lectura correcta para, a través da colaboración do tecido empresarial e os centros tecnolóxicos, estar na vangarda en innovación e en materia tecnolóxica.

Das 19 unidades mixtas postas en marcha en Galicia desde 2014 -ás que se sumarán seis novas nunha terceira edición que xa se convocou-, tres corresponden ao sector naval: ademais da alianza entre Aimen e Wärtsila, o centro tecnolóxico tamén traballa da man de Vulcano, mentres que a Universidade da Coruña está a colaborar con Navantia en novos proxectos de investigación. “Son 19 oportunidades para seguir liderando a innovación e un modelo produtivo que nos faga ser máis competitivos e que xere emprego de calidade”, concluíu Conde.

16 de setembro de 2016 | 17:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.