publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Comeza a retirada dos separadores de formigón no carril bici da estrada Vigo-Baiona-A Guarda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA GuardaBaionaPontevedraVigo
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a realizar os traballos de substitución dos actuais separadores de formigón presentes na estrada entre Vigo, Baiona e A Guarda (PO-552) por outros de goma rebasables, coa fin de compatibilizar as necesidades dos peóns, dos ciclistas e dos condutores e incrementar a seguridade dos usuarios vulnerables.

Estas actuacións teñen como obxectivo a ampliación do espazo ao que pode recorrer o ciclista deportivo en caso de necesidade. Ademais, dotarase esta estrada de beiravías máis anchas, nas que será posible a práctica do ciclismo deportivo, mentres que o carril bici se estreitará e quedará convertido nunha senda mixta de utilidade tanto para peóns como para ciclistas turísticos.

Cómpre lembrar que a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) iniciou o mes pasado as obras de reforzo da seguridade viaria e de reforma do carril bici da estrada PO-552, que suporán un investimento de 800.000 euros.

O proxecto foi redactado polos especialistas da Axencia Galega de Infraestruturas e na súa elaboración se recolleron as demandas dos alcaldes, da Federación Galega de Ciclismo e de diversos expertos en seguridade viaria, e a solución técnica conta coa conformidade da Dirección Xeral de Tráfico, coa que a Xunta traballa coordinadamente tanto neste proxecto como no impulso de campañas específicas de seguridade viaria.

Estas actuación é coherente cos principios do Plan Galego de Seguridade Viaria 2015-2020, posto en marcha polo Goberno galego co obxectivo de ofrecer unha maior protección os usuarios mais desprotexidos das estradas.

7 de setembro de 2016 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.