publicidade hoxe

Cecilia Vázquez destaca a importancia de Iniciativa Xove para potenciar o talento xuvenil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteceso
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou en Ponteceso o proxecto de voluntariado ambiental no Monte Branco, sufragado polo programa de participación xuvenil Iniciativa Xove da Consellería de Política Social, que desenvolven os cinco mozos e mozas do grupo informal ‘As píllaras das dunas’.

Este proxecto ten como obxectivo concienciar á mocidade da comarca da importancia de protexer os enclaves naturais, ademais de fixar alternativas para un desenvolvemento sostible en zonas como é a do Monte Branco e os seus arredores, de gran interese ecolóxico e paisaxístico. As actividades que levan a cabo este grupo son as de control de especies invasoras e percorridos para observar a flora e fauna existentes. Ademais, tamén realizarán de obradoiros para aprender a utilizar os recursos dun xeito sostible .

Para Cecilia Vázquez, “Iniciativa Xove é unha ferramenta que permite descubrir e potenciar o talento xuvenil”. A directora xeral tamén destacou que “este é o primeiro programa de participación xuvenil de todo o Estado no que poden participar tanto asociacións formalmente constituídas como grupos informais de mozos e mozas”. Deste xeito, engadiu, “danse as maiores facilidades burocráticas para que que a xuventude galega poida organizar, emprender e impulsar actividades onde os actores principais son eles mesmos, sen intermediarios”.

Con este programa preténdese fomentar a participación da mocidade co propósito de estimular o liderado, a creatividade e o talento xuvenil e, sobre todo, permitir poñer en practica as súas ideas relacionadas cos temas do seu interese. “Iniciativa Xove non lle di aos mozos e mozas o que teñen que facer, se non que lles pide propostas para logo apoialas”, destacou Cecilia Vázquez.

Este programa sufraga ata o 100% das iniciativas e proxectos de interese presentados polos mozos e mozas, cun investimento máximo por cada actividade de 5.000 euros. Todas as entidades e grupos aos que se lle conceda a axuda e o solicitasen, reciben un anticipo do 80% sobre o total da cantidade concedida. Isto permítelles financiar o proxecto sen ter que adiantar contías eles mesmos, o que evita que a posible falta de liquidez das persoas novas constitúa un impedimento para a posta en marcha das súas ideas.

22 de setembro de 2016 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.