publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Catro mortos e varios feridos no descarrilamento dun tren de pasaxeiros no Porriño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaO PorriñoPortada esquerdaSucesos
A-
A+
Europa Press

Os falecidos no accidente ferroviario rexistrado este venres en O Porriño (Pontevedra) aumentaron a catro, segundo confirmou o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, no lugar do sinistro.

Rueda explicou que a cuarta vítima mortal é un ferido moi grave que faleceu no Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo, que se suma aos outros tres mortos, entre eles o maquinista, de nacionalidade portuguesa.

No tren viaxaban 61 pasaxeiros que subiran en Vigo, xunto aos que ía o interventor e o maquinista, que morreu no accidente. Non obstante, tratan de cotexar o número exacto de pasaxeiros por se subise algún durante a ruta do Tren Celta de Vigo-Oporto antes de descarrilar en O Porriño.

Pola súa banda, o director asistencial do 061, José Carlos Fontoira, explicou que 42 persoas resultaron feridas leves, sete menos graves e unha moi grave, que faleceu no hospital e eleva a catro os falecidos no accidente ferroviario.

Dos feridos, 20 foron evacuados ao Álvaro Cunqueiro, 14 ao Hospital Povisa –tamén na cidade olívica–, nove a Fátima e catro ao centro de saúde de O Porriño, segundo precisou o director asistencial do 061, que asegurou que “non se teme pola vida de ningún dos feridos”.

DISPOSITIVO

Segundo explicou a Xunta, está activado o programa de cooperación transfronteiriza en materia de emerxencia ‘Ariem 112′ dende as 10,30 horas. Ademais, ao lugar desprazouse o grupo de apoio loxístico da Axega e está mobilizado o Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (Gipce). E colabora, ademais, Cruz Vermella.

O 061, en concreto, mobilizou dous helicópteros, 3 UVI móbiles– de Vigo, Mos e Pontevedra–, sete ambulancias de soporte vital básicas da zona de Vigo, tres ambulancias de soporte vital básico apoio e outra de transporte sanitario colectivo, xunto a un vehículo de apoio loxístico capacitado para a intervención en accidentes, así como persoal sanitario.

Pola súa banda, Adif activou o teléfono 900 10 10 20 de información para familiares.

Suspendidas as caravanas electorais de PPdeG, PSdeG, BNG e En Marea

As caravanas electorais do PPdeG, PSdeG, BNG e En Marea foron canceladas para a xornada deste venres debido ao accidente de tren acontecido en O Porriño e no que faleceron varias persoas.

Ademais, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, suspendeu a súa presenza nun acto que tiña en Pontevedra como presidente do PP provincial para acudir ao lugar do accidente.

Fontes dos tres partidos confirmaron a suspensión dos actos electorais previstos para este venres ante o “gravísimo” sinistro co descarrilamento do tren que viaxaba entre Vigo e Oporto.

A Xunta traslada as súas condolencias

A Xunta de Galicia trasladou as súas condolencias ás familias dos falecidos e os feridos no accidente de tren acontecido na mañá deste venres en O Porriño (Pontevedra).

Á zona desprazouse o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e, no lugar, segundo informou o Goberno galego nun comunicado, seguen os servizos de emerxencias e sanitarios para intentar minimizar no posible ls consecuencias persoais do sinistro.

Os membros do Goberno galego acordaron suspender a súa axenda pública para a xornada deste venres.

9 de setembro de 2016 | 11:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.