publicidade hoxe

Catoira acollerá a exposición “Exodus: en busca do refuxio”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCatoiraPontevedra
A-
A+

O Auditorio Municipal de Catoira acollerá, a partir deste venres, 2 de setembro, a exposición fotográfica “Exodus: en busca do refuxio”, impulsada pola Deputación de Pontevedra. Trátase dunha mostra que pretende ser un recordatorio e unha denuncia do que está a acontecer nas fronteiras de Europa, onde milleiros de refuxiados viven un drama real no seu intento de entrar a Europa.

As imaxes de “Exodus” poderán verse, no Auditorio Municipal ata o mércores 14 de setembro. Pola mañá o horario será de 9,30 a 12,30 horas, mentres que pola tarde estará entre 16,30 e 18,30 horas.

En Catoira, a mostra coincidirá co seminario “Deporte e actividades culturais como medio para a integración de inmigrantes e refuxiados”, que vai ter lugar o próximo 9 de setembro. Trátase dun evento impulsado polo concello de Catoira, que tenta reforzar deste xeito o seu compromiso coa loita das persoas refuxiadas. Nesta xornada falarase de políticas reais, tanto a nivel local coma europeo, para a boa integración de persoas inmigrantes e refuxiadas nos nosos territorios. Ao mesmo tempo, as persoas asistentes poderán visitar a mostra “Exodus”, que durante esas datas aínda permanecerá en Catoira.

“Exodus” permite ver o traballo fotográfico realizado polos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago, que percorreron os Balcáns e a illa grega de Lesbos entre setembro e outubro de 2015 para denunciar o que lle está pasando a aquelas persoas que foxen dos seus países por mor da guerra. Así, as súas fotografías pretenden facernos reflexionar sobre o que están vivindo milleiros de persoas, adultas e menores, nas portas da Unión Europea. Segundo os autores, trátase de persoas normais coma nós, que de repente un día vén truncadas as súas vidas normais polas consecuencias de guerras nas que non teñen nada que ver.

Despois dun amplo percorrido por distintos municipios da provincia, a Deputación de Pontevedra convida a todos os concellos a seguir acollendo esta mostra itinerante, que pretende sensibilizarnos co sufrimento dos refuxiados e refuxiadas, así como buscar máis solidariedade entre todos e todas ante un drama que non debe caer no esquecemento.

1 de setembro de 2016 | 17:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.