publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Apróbase o Pxom das Nogais que substituirá as normas vixentes que datan de hai 25 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAs NogaisLocal Portada
A-
A+
Beatriz Mato na reunión co alcalde das Nogais. Foto: X. Crespo

Beatriz Mato na reunión co alcalde das Nogais. Foto: X. Crespo

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinou hoxe a orde de aprobación definitiva do PXOM de As Nogais, un paso que “culmina un longo proceso de traballo e que permitirá actualizar o planeamento urbanístico vixente, moi básico e xa obsoleto, con 25 anos de antigüidade”. Así llo trasladou esta mañá a conselleira ao alcalde das Nogais, Jesús Manuel Núñez Díaz, co que mantivo unha reunión e ao que felicitou por poñer fin a unhas Normas Subsidiarias e complementarias aprobadas en 1991.

Este documento contribuirá á posta en valor do patrimonio arquitectónico e natural do municipio, a través da delimitación do trazado do Camiño de Santiago ao seu paso por este municipio; a creación dunha área divulgativa sobre o castiñeiro no entorno das Nogais, un bosque de máis de 10 ha. e a existencia de dous importantes espazos naturais protexidos, como o Espazo Ancares- Courel e Espazo Cruzul– Aguieira, clasificados como solo rústico de especial protección de espazos naturais.

Outra das vantaxes do novo planeamento, segundo explicou Mato, é que prevé as reservas de solo necesarias para a implantación dos sistemas xerais e dotacións tendo en conta a capacidade residencial do plan, ubicadas principalmente no entorno do núcleo urbano para facilitar o acceso de toda a poboación do concello.

Cabe destacar que o PXOM aposta tamén por promover a actividade económica, fixar unha reserva de solo de carácter empresarial no entorno do núcleo urbano de As Nogais, que permitirá a implantación de empresas no concello; un ámbito que se atopa nunha zona de baixo impacto ambiental e con posibilidade de acceso directo dende a autovía A6.

Xa por último no que se refire aos contidos concretos do planeamento, Mato apuntou que o plan xeral recolle un núcleo urbano, As Nogais, un ámbito que está clasificado na maior parte como urbano consolidado. Asemade, recolle 54 núcleos rurais na súa maior parte de carácter tradicional e con morfoloxía propia de núcleos de montaña, compactos e definidos por estruturas claras. Así, o 37 % da capacidade residencial do PXOM concéntrase no solo urbano (252 vivendas en urbano consolidado e 20 en urbano no consolidado) fronte o 63% dos núcleos rurais (480 vivendas).

A conselleira considerou que a aprobación dun PXOM definitivo como o de As Nogais é “sempre unha noticia positiva”, porque permite obter o “máximo aproveitamento dos recursos dos concellos, reducindo ao mínimo os impactos negativos”. Por iso, o Goberno galego está a apostar firmemente por promover estas ferramentas. En 2009, había 33 concellos cun PXOM actualizado, e agora –incluíndo o das Nogais, e Oímbra tamén asinado hoxe – xa son 91. Polo tanto, o deste municipio lucense é o número 57 aprobado por este Goberno, e 31 na actual lexislatura. O departamento autonómico investiu preto de 105.000 euros para colaborar na redacción deste PXOM.

22 de setembro de 2016 | 17:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.