publicidade hoxe

Adxudicadas as obras de restauración da igrexa de Palio por preto de 110.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de adxudicar as obras de restauración da igrexa de Santa Baia de Palio, situada na parroquia lalinense de Cercio. O investimento da actuación ascende a 108.900 euros e os traballos, que correrán a cargo da empresa Rehabita, Gestión Integral de Rehabilitaciones y Restauración S.L., teñen un prazo de execución de catro meses.

Os detalles da adxudicación poden consultarse na Plataforma de Contratos Públicos de Galicia, no seguinte enderezo web http://www.contratosdegalicia.es/licitacion?N=27166.

O obxectivo dos traballos é solucionar os problemas de entrada de auga e reparar os danos ocasionados pola mesma. Para iso construirase unha nova cuberta, consolidaranse e restauraranse os muros da igrexa, os pavimentos e os paramentos interiores, e reporanse as carpinterías. Así mesmo, sanearase o adro e, de ser necesario, realizarase unha drenaxe do mesmo. O proxecto inclúe, ademais, outras melloras, como a preinstalación dun sistema eléctrico, a dotación de elementos básicos de mobiliario e a valoración das pinturas murais para o estudo de posibles intervención de recuperación.

A igrexa de Palio é un templo de pequenas dimensións pero de considerable interese histórico, cuxa orixe se podería remontar aos séculos XI ou XII. As súas características formais e construtivas son as dos templo rurais románicos tendo, ademais, unha estrutura de cuberta de madeira moi elaborada. A maiores, conserva pinturas murais sobre recebo de cal.

16 de setembro de 2016 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.