publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Xunta mostra a súa disposición a impulsar as obras de reforma da estrada PO-234 ao seu paso por Ponte-Caldelas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, informou por carta ao alcalde de de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, que a Xunta está en disposición de impulsar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada PO-234, Augasantas-Ponte Caldelas, ao seu paso por este municipio en canto estean dispoñibles os terreos necesarios para acometelas. A titular de Infraestruturas reuniuse tamén co alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, para trasladarlle a mesma información con respecto ás obras da PO-234 no treito que afecta a ese concello, para as cales a Administración local confirmou ter moi avanzada a posta á disposición dos terreos.

No escrito remitido con data de onte, Vázquez Mourelle informa ao alcalde de que a reforma da estrada autonómica PO-234 é unha actuación necesaria para a Xunta, que ten interese en acometela canto antes para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade dos usuarios da vía. Así mesmo, indica que esta actuación se dividiu en treitos co obxectivo de facer viable e eficiente a súa realización.

Segundo expón a titular de Infraestruturas, a Xunta dispón xa dos proxectos correspondentes aos treitos I (do p.k. 4+150, cruce ao Portasouco, ao p.k. 6+840, en Augasantas), e II (do p.k. 0+420, correspondente ao final da travesía de Ponte Caldelas, ao 2+580, principio da travesía de Laxoso). Así mesmo, están determinados os investimentos precisos para a licitación de ambos os treitos, de preto de 633.000 euros o primeiro e, o segundo, de case 679.000 euros.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda reitéralle ao alcalde de Ponte Caldelas que, para poder impulsar as obras nese termo municipal cómpre que o Concello poña os terreos á disposición da Xunta. Coa fin de facilitar ese proceso a conselleira avanza no seu escrito a remisión dos planos que identifican os terreos que se verán afectados por estas obras. Hai que lembrar que semanas atrás un técnico da Axencia Galega de Infraestruturas visitou o Concello de Ponte Caldelas e trasladou xa a información sobre os terreos necesarios para poder realizar os traballos.

7 de setembro de 2016 | 18:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.