publicidade hoxe

A Xunta investirá 3 millóns de euros na mellora do saneamento de Viveiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaViveiro
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Viveiro

Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Viveiro

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá uns 3 millóns de euros para mellorar a rede de saneamento de Celeiro e a EDAR de Viveiro, uns traballos que permitirán beneficiar a preto de 19.000 habitantes en todo o concello e, moi especialmente, a máis de 1.800 en Celeiro. Así se recolle no convenio asinado hoxe pola titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde en funcións da localidade, Jesús Antonio Fernández Cal.

O proxecto que se presentou hoxe divídese en tres actuacións principais. A primeira delas consistirá na construción dun novo bombeo con depósito de retención, que terá como obxectivo acadar unha mellor regulación das augas residuais da rede de Celeiro en momentos de choiva. Disporá dunha capacidade de 650 metros cúbicos. Deste xeito, separaranse os residuos sólidos más voluminosos e o bombeo levará a auga ata o novo pretratamento da EDAR, que constitúe unhas das novidosas melloras que se incorporarán á depuradora.

Precisamente, o segundo eixo principal do proxecto pasa pola optimización da EDAR, coa inclusión deste novo sistema de pretratamento, xunto cunha nova desinfección e unha cámara de carga na cabeza do emisario. Todos estes traballos favorecerán un saneamento “máis eficiente e eficaz” e permitirán paliar as deficiencias presentadas nos últimos anos pola EDAR. Así, desde Augas de Galicia destácase que esta é unha actuación integral, que está incluso deseñada para poder dar servizo a un crecemento poboacional de ata máis de 37.000 persoas.

Por último, a terceira actuación do proxecto será a execución dun novo emisario submarino, de 858 metros de lonxitude.

A licitación da obra está prevista para este ano e, posteriormente, a estimación é que a execución se prolongue durante uns 30 meses.

Todas estas obras inscríbense no firme compromiso do Goberno galego a prol do saneamento e o abastecemento para todos os galegos e galegas. Unha proba deste esforzo é o orzamento consignado a saneamento e depuración nos últimos anos: máis de 1.100 millóns de euros, que se traduciron nunha mellora do estado das nosas augas. Así, se en 2009, ao redor do 70% das augas de Galicia eran de boa calidade, esa porcentaxe acada agora o 78%.

Colaboración co concello de Viveiro

Ao remate da súa intervención, Mato destacou que este proxecto non é o único que o departamento que dirixe ten desenvolvido en colaboración co concello de Viveiro. Neste sentido, lembrou que desde 2009 a Consellería ten destinado a esta localidade máis de 5,5 millóns de euros, nos que está incluído o orzamento do proxecto presentado hoxe.

Ademais doutros investimentos en materia hidráulica, a responsable autonómica puxo en valor os 1,25 millóns de euros que se destinaron a equipamentos no concello de Viveiro no marco do Plan Hurbe e os máis de 100.000 euros de axudas para a redacción dun novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

7 de setembro de 2016 | 18:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.