publicidade hoxe

A Xunta inicia a construción dun novo tramo de senda peonil na estrada AC-550 nas proximidades da praia da Arnela

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaPorto do Son
A-
A+

A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), iniciou a construción dunha nova senda peonil na estrada AC-550 (Oleiros-Riveira), nas proximidades da praia da Arnela no Concello de Porto do Son. Esta actuación foi adxudicada á empresa Nemesio Ordóñez S.A. NOSA e ten un prazo de execución de tres meses.

Esta actuación consistirá na execución de 114 metros de senda de formigón coloreado, que permitirá comunicar a senda executada recentemente no acceso á praia da Arnela, coa beirarrúa existente a partir do 89+640.

Deste xeito, crearase un itinerario peonil paralelo á estrada autonómica, que servirá de alternativa ao existente no tramo Arnela – Vilar, no que actualmente o paseo discorre afastado da costa. A actuación evitará aos peóns o cruce da estrada autonómica AC-550 nun punto de reducida visibilidade, mellorando por tanto a seguridade viaria neste punto.

Esta obra súmase á actuación levada a cabo pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda neste verán no tramo inmediatamente anterior da estrada autonómica, que consistiu na substitución do muro de contención existente no acceso á praia de Arnela, entre puntos quilométricos 89+390 ao 89+440, e na execución dunha senda neste tramo. Amósase nas imaxes seguintes a estrada ao inicio das obras e tras a finalización desta senda,que contou cun orzamento de case 193.000 euros.

Con esta actuación dáse continuidade ao proxecto de posta en valor do bordo litoral entre Porto do Son e Baroña iniciado no ano 2015 polo Concello de Porto do Son e mellórase a seguridade dos usuarios, ao eliminar o treito Arnela-Vilar, que descorre polo interior e que atravesa a estrada comarcal.

22 de setembro de 2016 | 16:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.