publicidade hoxe

A Xunta aposta en Ferrol por adaptar a formación da mocidade ás demandas da industria 4.0

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Intervención de Covadonga Toca no obradoiro

Intervención de Covadonga Toca no obradoiro

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe en Ferrol no obradoiro Oriéntante e planifica o teu futuro, que forma parte do III Curso de Verán do Campus de Ferrol, onde destacou a importancia que teñen as administracións e axentes sociais para favorecer o acceso da mocidade ao mercado laboral.

Toca resaltou que este tipo de cursos o que buscan é que os mozos e mozas se leven “unha visión positiva e motivadora” sobre o seu futuro laboral animándolles a seguir preparándose, adaptando a súa formación aos perfís profesionais que require neste momento o mercado laboral. “Os mozos sodes unha peza fundamental no noso futuro inmediato e, por iso, necesitamos das vosas capacidades”, apuntou.

Neste senso, Toca sinalou a necesidade de adaptarse ás novas demandas da Industria 4.0, entendendo a formación e a capacitación como pancas de cambio. Subliñou, ao respecto, que a Xunta está a reforzar e modernizar os Centros de Formación Profesional para o Emprego e está a adaptar a formación cara ao novo modelo industrial.

A secretaria xeral informoulles aos alumnos dos mecanismos cos que conta a Administración autonómica, a través da Axenda 20 para o Emprego, para mellorar a súa empregabilidade. Salientou que o Programa de Garantía Xuvenil inclúe diversas iniciativas para os menores de 30 anos como son apoios aos autónomos, os obradoiros de emprego, os incentivos á contratación ou os programas de cooperación con entidades sen ánimo de lucro. A Administración autonómica, ademais, ten a disposición da mocidade 56 técnicos de orientación ou titores que deseñan itinerarios de emprego específicos para os mozos e mozas.

A través de Garantía Xuvenil, existe tamén un programa para facilitar a inserción laboral dos estudantes de FP cuxo prazo para presentar as solicitudes remata o próximo 30 de setembro. Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo principal propiciar que os alumnos de FP obteñan un contrato laboral no mesmo centro de traballo onde realizan as súas prácticas.

Por último, Toca referiuse tamén ás lanzadeiras de emprego e programas integrados de emprego que ten en marcha a Administración autonómica para incrementar as oportunidades laborais dos seus participantes. Con respecto aos programas integrados, salientou que esta iniciativa establece un obxectivo de inserción laboral dos seus alumnos e alumnas tendo, deste xeito, que acadar un emprego o 25% dos participantes. “Con estas medidas o que pretende o Goberno galego é incrementar as oportunidades da mocidade para atopar un emprego e impulsar o traballo estable e de calidade”, rematou.

21 de setembro de 2016 | 16:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.