publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A xuíza ve indicios de homicidio por imprudencia na morte do batería de Los Piratas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonteareasPortada esquerdaSucesos
A-
A+
Europa Press

A maxistrada do Xulgado de Instrución número dous de Ponteareas (Pontevedra) ve indicios da comisión dun delito de homicidio por imprudencia grave por parte do axente da Garda Civil que o pasado 26 de agosto de 2015 efectuou o disparo que acabou coa vida ao que foi batería de Los Piratas, Javier Fernández.

Confirmárono fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), que indicaron que así consta no auto de transformación da causa a procedemento abreviado, que pon fin á instrución.

O devandito auto foi trasladado ás distintas partes para que poidan propoñer novas probas e para que soliciten ou ben a apertura de xuízo oral ou ben o sobresemento.

A raíz diso, a Fiscalía presentou un escrito polo que pide o sobresemento da causa. Pola súa banda, as dúas acusacións particulares, que representan familiares do falecido, secundan os indicios de delito -unha xa presentou o seu escrito, mentres que a outra segue dentro de prazo para facelo-.

FISCALÍA PIDE O ARQUIVO

A Fiscalía, segundo informaron fontes do Ministerio Público, solicitou o arquivo da causa baseándose en que a actuación do axente da Garda Civil ao disparar se ampara tanto na xustificación de lexítima defensa coma na eximente completa de cumprimento do deber.

Ademais, considera que os feitos “non son constitutivos dun delito de homicidio imprudente”, toda vez que a reforma do Código Penal modificou o sistema de imprudencia do texto punitivo.

Así, apunta que “os feitos fosen constitutivos, como máximo, da extinta falta por imprudencia leve, pero suprimiuse esta figura e a consideración como delito da imprudencia menos grave contemplada actualmente, non é equiparable”.

A ACUSACIÓN PIDE CATRO ANOS

O avogado Gerardo Gayoso, que representa a viúva e o fillo menor de idade do falecido, comunicou que no escrito de acusación que presentou -que ten un total de 14 folios- mantén que hai indicios de criminalidade por homicidio por imprudencia grave profesional.

Polo tanto, solicita a investigación -anteriormente imputación- do axente da Garda Civil polo devandito delito e pide que sexa condenado a unha pena de catro anos de prisión, e a outros seis de inhabilitación para o exercicio da súa profesión.

O avogado avanzou que a outra acusación particular, que exerce a súa compañeira de bufete María Jesús Sarabia, en representación dos pais do defunto, presentará o seu escrito a finais da semana que vén e se pronunciará de “idéntico xeito”.

VERSIÓNS CONTRADITORIAS

A morte de Javier Fernández estivo rodeada de polémica dende o primeiro momento, xa que a familia e a Garda Civil manteñen versións contraditorias sobre o acontecido na vivenda.

Mentres que o Instituto Armado informou de que a intervención na vivenda se levou a cabo por un suposto delito de violencia de xénero, a muller do batería negou en todo momento que fose vítima de malos tratos, e ante o xulgado ratificou que ese día o o seu marido se comportou de forma violenta porque tiña unha crise derivada da retirada da medicación para a súa enfermidade psiquiátrica.

Segundo a Garda Civil, o falecido comportouse de forma moi agresiva e atacou un dos axentes que estaba no seu domicilio. Ante a persistencia da súa actitude, e sempre segundo a versión ofrecida pola Benemérita, o outro garda viuse obrigado a realizar un disparo intimidatorio que lle alcanzou no abdome, causándolle a morte pouco despois.

Non obstante, a súa viúva e os seus amigos sosteñen que pediron axuda porque Javier Fernández tiña un brote psicótico e que en todo momento se advertiu aos axentes e aos sanitarios desprazados á vivenda que o músico era un enfermo mental. A muller negou, así mesmo, que a tivese retida ou que correse perigo ela ou o seu bebé de poucos meses.

22 de setembro de 2016 | 12:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.