publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Fundación Cela achégalles aos máis xóvenes o legado do escritor coa banda deseñada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPadrón
A-
A+

A Fundación Pública Camilo José Cela achégalles aos máis novos o legado do escritor a través da banda deseñada, cun cómic realizado polo ilustrador Fausto Isorna que acaba de publicar El Patito Editorial.

Promovida pola Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e polo Concello de Padrón, a obra ‘O misterioso guía da Fundación Camilo José Cela’ nace co obxectivo de “contribuír á difusión social da figura e da obra do escritor de Iria Flavia, así como a poñer en valor o importante legado que alberga a fundación pública galega que leva o seu nome”. Así o asegurou esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a rolda de prensa de presentación do volume, na que tamén interveu o alcalde do concello de Padrón, Antonio Fernández Angueira.

Camilo José Cela é o protagonista dun cómic que se presenta como “un material especialmente interesante para o traballo co alumnado dos centros de ensino que ao longo do ano visitan a Fundación Cela, en tanto que recurso educativo para axudarlles aos rapaces e ás rapazas a comprender e a contextualizar a traxectoria vital e profesional do escritor, dun xeito ameno, divertido e tamén rigoroso”, afirmou o secretario xeral.

No cómic –que proximamente estará tamén accesible en liña e de xeito gratuíto na Libraría Institucional da Xunta de Galicia, a través de www.libraria.xunta.gal– o propio Camilo José Cela fai de guía duns rapaces que visitan a súa fundación, nun percorrido polos diferentes espazos da sede que lle dan pé a explicar algúns dos fitos máis destacados e dos episodios máis significativos da súa vida e da súa obra.

Un centenario frutífero

“Ao longo deste ano –precisou Anxo Lorenzo– vimos saudando con moita satisfacción a aparición de novos materiais de boa feitura e de alto interese, acubillados nesta motivación da conmemoración en 2016 do centenario do nacemento de Camilo José Cela”, á que se referiu como “unha celebración frutífera con numerosas iniciativas, tanto dentro como fóra de Galicia, relacionadas coas diferentes facetas do escritor.

Cooperación institucional

Exposicións e intervencións artísticas, certames literarios, novos proxectos editoriais e diversos actos e conferencias de divulgación da biografía e da produción literaria, xornalística e cinematográfica de Camilo José Cela centra a programación de actividades que se está a desenvolver este ano para celebrar os cen anos do seu nacemento, unha efeméride na que colaboran, numerosas institucións.

Ademais da Xunta de Galicia, a través da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, participan nesta celebración diversas administracións e entidades públicas e galegas, entre as que se inclúen o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte do Goberno de España, a Biblioteca Nacional de España, o Consello da Cultura Galega, a Consejería de Educación de Madrid, as deputacións da Coruña e de Guadalaxara, Acción Cultural Española, o Concello de Padrón, a Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, El Corte Inglés e as universidades de Vigo, Camilo José Cela e Internacional Menéndez Pelayo.

5 de setembro de 2016 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.