publicidade hoxe

A “Festa Infantil Cidade de Narón” terá lugar o domingo no Parque fluvial de Freixeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

A terceira edición da “Festa Infantil Cidade de Narón” terá lugar o vindeiro domingo, día 4, no Parque fluvial de Freixeiro. Os nenos e nenas poderán gozar dunha gran variedade de actividades organizadas polo Concello e a empresa La Guagua. A edil de Festas, Mar Gómez, e a xerente da citada empresa, Carla Iglesias, presentaron esta mañá o evento, que se desenvolverá en horario de 12.00 a 14.00 e desde as 16.00 ata as 20.00 horas. A concelleira naronesa animou aos veciños e veciñas a sumarse a esta convocatoria lúdica e cun apartado didáctico a través de varios obradoiros pensados para o público infantil e nos que tamén poderán implicarse as persoas maiores.

Ao longo da mañá e da tarde haberá unha serie de actividades e atraccións permanentes, como inchables –dous deles serán acuáticos e dous secos, cun específico para menores de tres anos-, touro mecánico, camas elásticas, obradoiros de globoflexia, maquillaxe e pompeiros –para facer pompas de xabón- e tobogáns acuáticos, entre outras. Así mesmo, permanecerá operativo un circuíto de karts que se instalará no parque para a ocasión. O programa inclúe ademáis unha xinkana de habilidades, a partir das 12.00, na que se desenvolverán varias actividades, unha delas cunhas “gafas idiotizadoras” que distorsionan a visión, e un pequeno musical: “Lúa en Vila dos libros”, ás 13.00 horas.

Xa pola tarde, ás 16.30 comenzará o “CantaeBaila”, con cancións típicas da Guagua e tamén un apartado específico con música galega, e ás 18.00 será a actuación do Paiaso Popin. A convocatoria inclúe a partir das 19.00 horas a Festa da espuma e auga, unha das citas que congrega a un maior número de persoas nesta cita, tal e como destacou a edil da área.

A concelleira de Festas recordou que esta convocatoria, que alcanza este ano a súa terceira edición na localidade, servirá para dar por rematadas as actividades de verán programadas desde o Concello para os nenos e nenas antes do inicio do próximo curso escolar. “O entorno no que se celebra a Festa Infantil permitirá aos asistentes gozar dunha xornada festiva cunha gran variedade de actividades, todas de balde”, subliñou Gómez.

1 de setembro de 2016 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.