publicidade hoxe

A carne galega certificada coa IXP Vaca e Boi estará no mercado no vindeiro ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+
Ángeles Vázquez na visita ao matadoiro de Bandeira

Ángeles Vázquez na visita ao matadoiro de Bandeira

A carne galega certificada coa Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi poderá estar no mercado español a mediados do vindeiro ano, se se cumpren as previsións canto á súa tramitación. Así o anunciou hoxe a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na súa visita ao matadoiro de Bandeira (Silleda), onde mantivo unha xuntanza de traballo cos responsables de Ternera Gallega, promotores desta IXP.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, explicou que a partir do vindeiro día 2 de outubro (data na que remata o período de exposición pública), ábrese un período de 6 meses para acadar a protección do selo no ámbito nacional, polo que nese momento xa poderán comezar a inscribirse os primeiros produtores baixo este paraguas. A tramitación a nivel europeo demorará aproximadamente un ano.

Coa posta en marcha deste indicativo vaise mellorar a transparencia comercial e as garantías que se lles ofrecen aos consumidores en canto á calidade e á orixe do produto. A medio prazo prevese que se acollan a esta IXP arredor de 10.000 explotacións gandeiras, se certifiquen en torno a 30.000 canais e se comercialicen máis de 10.000 toneladas de carne de vacún maior de calidade.

A reunión de hoxe cos responsables de Ternera Gallega serviu, precisamente, para avanzar na tramitación desta nova IXP, que ten por finalidade preservar e poñer en valor a carne fresca procedente das vacas e bois da nosa comunidade. Este produto obtense das principais razas existentes, que son a Rubia Galega, Morena Galega, Asturiana de los Valles, Limusina, Rubia de Aquitania e Frisona.

Carne refrixerada

Esta carne deberá presentarse refrixerada, para cumprir coas normas da IXP, sen que poida ser conxelada en ningún momento ao longo do proceso de obtención e comercialización. A vaca caracterízase por ser unha femia con alomenos unha xestación antes do sacrificio. O boi debe ser un macho castrado antes do ano de vida e que supera os 48 meses de idade antes do sacrificio.

Esta Indicación Xeográfica Protexida abarcará a totalidade do territorio galego. Os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse en Galicia, co obxectivo de preservar a especificidade e controlar as condicións de obtención do produto. Cada fase constará dun etiquetado concreto.

Establecerase un consello regulador único segundo os acordos para a indicación xeográfica protexida Ternera Gallega e da carne de Vaca e Boi, co fin de manter unha relación entre estas dúas IXP.

2 de setembro de 2016 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.