publicidade hoxe

Voluntarios do campo de traballo internacional colaboran na revalorización dos muíños da Torrente

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMuíños
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, visitou aos participantes no campo de traballo internacional de Muíños, que forma parte da Campaña de Verán da Consellería de Política Social. Esta iniciativa ten lugar do 16 ao 27 de agosto e nel participan mozos e mozas de Galicia, do resto de España e de Francia.

Os voluntarios e voluntarias realizan tarefas como a limpeza dos Muíños da Torrente, a adecuación do camiño que une os muíños, a recuperación da memoria etnográfica destes elementos da pre industria galega, o estudio da fauna na contorna e a construción de refuxios para anfibios. Os participantes tamén contan con actividades máis lúdicas e culturais, como visitas a lugares de interese da provincia de Ourense, actividades náuticas no encoro, rutas ambientais, etnográficas e interpretativas polo parque nacional e as vilas dos arredores ou obradoiros ambientais e de reciclaxe.

Cecilia Vázquez destacou que “os campos de traballo constitúen unha excelente ferramenta de educación non formal para a mocidade, xa que son accións voluntarias, que os mozos e mozas realizan de xeito altruísta e solidario, tamén promoven a participación e implicación da xuventude na sociedade, afondando en materias do seu interese e abríndolles novos camiños para a súa realización persoal e fomentan a mobilidade, pois ofrecen aos rapaces e rapazas a oportunidade de tomar parte en campos doutras comunidades e países”.

Galicia é unha comunidade de referencia en materia de Campos de traballo. Así as cousas e segundo o balance realizado polo Injuve, a Comunidade galega organizou o 34% dos campos de traballo internacionais que se celebraron en toda España. Este ano a Consellería de Política Social organiza un total de 23 campos de traballo na comunidade galega nos meses de verán e os mozos e mozas galegos dispoñen de 575 prazas para participar nestas iniciativas. Destas prazas, 120 son para campos noutras comunidades autónomas, 250 para campos en 34 países de Europa, Asia, África e América e 205 para campos en Galicia.

A directora xeral tamén quixo destacar as grandes posibilidades do Complexo Turístico O Corgo, onde este ano tamén se celebrou o campamento xuvenil Vive a Natureza, no que participaron 40 mozos e mozas de entre 13 e 15 anos.
No total galego, na Campaña de verán toman parte 9.046 mozos e mozas e algo máis de 900 profesionais entre monitores e directores de tempo libre. As actividades están dirixidas a persoas entre 9 e 30 anos, e están divididas en accións específicas para os distintos grupos de idade.

Na programación inclúense: campamentos xuvenís para menores de 18 anos en Galicia e noutras comunidades autónomas; o uso en oferta concertada das instalacións xuvenís; as actividades para maiores de 18 anos; campos de traballo en España e no estranxeiro; e accións de reencontro con mozos e mozas descendentes de galegos residentes no exterior.

25 de agosto de 2016 | 17:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.