publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Viascón arranca as festas de agosto con tres xornadas de celebracións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaCotobade
A-
A+

A parroquia cotobadesa de Viascón arranca na xornada de mañá as súas festas de agosto, adicadas a San Antonio e á Virxe de Loures, con tres días de celebracións e un completo programa de actividades que inclúe a actuación estrela da Banda de Música da Brilat (Brigada de Infantería Lixeira Aerotransportable). O festexos foron presentados hoxe no consistorio de Cotobade polo alcalde, Jorge Cubela, a concelleira María Pichel e representantes da comisión organizadora.

Os festexos, que contan coa colaboración do Concello de Cotobade, comezarán na xornada de mañá cunha verbena na que actuarán as orquestras Televisión e La Noche.

Xa o sábado, a actividade iniciarase de mañá cun pasarrúas a cargo da charanga Charandonga, que dará paso, ás 13.00 horas, a unha misa solemne cantada polo Coro de Viascón. A continuación haberá unha sesión vermú co concerto da Banda da Escola Unión Musical de Tenorio. Para a sesión vespertina está programado o espectáculo do Mago Paco, dende as 19.00 horas, e posteriormente haberá unha velada nocturna coa música de Triunfo e Azar.

O domingo arrancará con forza, xa que está prevista que a Banda de Música da Brilat faga a súa espectacular entrada no adro da festa sobre as 12.15 horas. A continuación, en torno ás 13.00 horas, haberá unha misa solemne cantada novamente pola polifónica da parroquia, que dará o testemuño ao concerto da Banda da Brilat sobre as 13.30 horas. Pola tarde, e para despedir os festexos, haberá unha festa infantil con inchables e festa da escuma.

Tanto o alcalde coma os organizadores amosaron a súa satisfacción polo completo programa de actividades e, especialmente, pola consecución da formación musical da brigada aerotransportable. Neste senso, están convencidos de que será un atractivo aínda maior para unhas festas que adoitan reunir a milleiros de persoas en Viascón cada verán.

25 de agosto de 2016 | 19:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.