publicidade hoxe

Unhas 700 persoas asistiron á Festa da 3ª Idade de Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, asistiu onte a unha das celebracións máis emblemáticas do Concello de Mos, a Festa dos Maiores,  que chegou este ano á súa vixésimo sexta edición.

O Concello de Mos organizou un ano máis a Festa da 3ª Idade dirixida aos maiores de Mos, que se celebrou en Costoias, parroquia de Tameiga, cunha Misa Cantada previa na Capela da Virxe da Pena de Francia. Este ano a celebración cumpriu a XXVI edición e contou coa asistencia dos matrimonios homenaxeados que cumpren as súas vodas de ouro ou 50 anos de casados, acompañados dos seus familiares e amigos.

Esta emblemática festa gozou novamente dun éxito rotundo, repetindo a afluencia dunhas 700 persoas que xa se rexistrara o ano pasado. A Festa da Terceira Idade está concebida dende a administración local como parte do programa destinado ós maiores mosenses, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade; así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas.

Na Festa da Terceira Idade de Mos homenaxéase aos matrimonios, das dez parroquias mosenses, que cumpren os 50 anos de casados. Este ano o número total de mosenses que cumpren as súas vodas de ouro son 43 parellas de todo o municipio, un total de 86 persoas. 

Da parroquia de Dornelas proceden 6 matrimonios, de Tameiga 11 matrimonios, de Pereiras 1, de Petelos 7, de Sanguiñeda 6, de Guizán 2, de Torroso 5, de Mos 2 e de Cela 2 matrimonios. Da parroquia de Louredo este ano só houbo 1 matrimonio que celebra as súas vodas de ouro. Por motivos de saúde non puideron asistir todos onte a Costoias, pero sí estiveron a maioría. 

Os obxectivos desta actividade son promover a calidade de vida das persoas maiores de Mos, impulsar a participación social activa e a integración das persoas maiores na comunidade, facilitar os medios para a reunión deste colectivo, previr a soidade, avanzar na capacitación e autodeterminación das persoas maiores, impulsar e dinamizar as relacións sociais e facilitar espazos de ocio para as persoas maiores.

O festexo iniciouse ás 12.00 horas da mañá cunha Misa Cantada na Capela da Virxe de Pena de Francia. Ás 13.00 horas a Banda de Música Xuvenil de Torroso deu un concerto e ás 14.00 horas comezou o aperitivo campestre que foi seguido do xantar.

Coa sobremesa, ás 16.00 horas, chegou a actuación musical do Grupo M3 e a entrega de agasallos ós homenaxeados. 

29 de agosto de 2016 | 18:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.