publicidade hoxe

Unha Misa Cantada na Capela de Pena de Francia dará comezo á Festa da 3ª Idade de Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Unha das celebracións máis emblemáticas do Concello de Mos, a Festa dos Maiores,  chega este ano á súa vixésimo quinta edición que se celebrará o vindeiro domingo, día 28 de agosto.

O Concello de Mos organiza un ano máis a Festa da 3ª Idade dirixida aos maiores de Mos, que se celebrará en Costoias, parroquia de Tameiga, cunha Misa Cantada previa na Capela da Virxe da Pena de Francia, tamén en Tameiga. Este ano a celebración cumpre a XXV edición e contará coa asistencia dos matrimonios homenaxeados que cumpren as súas vodas de ouro ou 50 anos de casados, acompañados dos seus familiares e amigos.

Esta emblemática festa soe gozar cada ano dun éxito rotundo (o ano pasado asistiron 700 persoas) e está concebida dende a administración local como parte do programa destinado ós maiores mosenses, coa finalidade de impulsar a participación social activa e a integración deste colectivo de idade na comunidade; así como lograr a participación en distintas actividades creativas e lúdicas. 

Na Festa da Terceira Idade de Mos homenaxéase aos matrimonios, das dez parroquias mosenses, que cumpren os 50 anos de casados. Este ano o número total de mosenses que cumpren as súas vodas de ouro son 41 parellas de todo o municipio, un total de 82 persoas.

Da parroquia de Dornelas proceden 6 matrimonios, de Tameiga 11 matrimonios, de Pereiras 1, de Petelos 7, de Sanguiñeda 6, de Guizán 2, de Torroso 5, de Mos 2 e de Cela 1 matrimonio. Da parroquia de Louredo este ano non hai ningún matrimonio que celebre as súas vodas de ouro. 

Os obxectivos desta actividade son promover a calidade de vida das persoas maiores de Mos, impulsar a participación social activa e a integración das persoas maiores na comunidade, facilitar os medios para a reunión deste colectivo, previr a soidade, avanzar na capacitación e autodeterminación das persoas maiores, impulsar e dinamizar as relacións sociais e facilitar espazos de ocio para as persoas maiores.

O festexo iniciarase ás 12.00 horas da mañá cunha Misa Cantada na Capela da Virxe de Pena de Francia. Ás 13.00 horas a Banda de Música Xuvenil de Torroso dará un concerto e ás 14.00 horas comezará o aperitivo campestre gratuíto para tódolos asistentes a base de callos e empanada. Os matrimonios homenaxeados tamén serán convidados polo Concello ó xantar.

Coa sobremesa, ás 16.00 horas, chegará a actuación musical do Grupo M3 e a entrega de agasallos ós homenaxeados. Ós matrimonios que non estean presentes entregaráselles o detalle no seu domicilio.

19 de agosto de 2016 | 19:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.