publicidade hoxe

Un veciño de Vilagarcía detido por entrar nunha vivenda e roubo con forza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSucesosVilagarcía de Arousa
A-
A+
Europa Press

Axentes do Corpo Nacional de Policía adscritos á Comisaría de Vilagarcía detiveron o xoves 18 de agosto a un home de 40 anos veciño de Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) como presunto autor dun delito de violación de morada e outro de roubo con forza.

Segundo informou a Policía Nacional, a detención produciuse tras as investigacións realizadas a raíz das denuncias recibidas nas que os afectados manifestaban ser vítimas de roubos nos seus domicilios en Vilagarcía, dos que subtraeran numerosas xoias e diñeiro en efectivo.

A Policía puntualizou que unha das persoas afectadas sorprendeu ‘in fraganti’ dentro do seu domicilio a este individuo cando se dispoñía a fuxir co botín.

O detido “é un vello coñecido da Policía con antecedentes” por feitos de idéntica natureza, segundo destacan as mesmas fontes policiais, que subliñan o incremento da súa actividade delituosa no que vai de ano, co mesmo ‘modus operandi’.

En concreto, segundo o relato policial, xeralmente asaltaba casas unifamiliares dos arredores, tras comprobar que non había ninguén no seu interior, a través dunha chamada ao timbre ou telefonillo. No caso de haber resposta á chamada adoitaba pedir unha esmola e accedía ao interior das vivendas “forzando ventás ou aproveitando calquera acceso aberto, incluído garaxes ou anexos”, para subtraer xoias ou diñeiro en efectivo.

CÓMPLICE

A Policía Nacional engadiu que adoita acometer os asaltos acompañado dalgún cómplice que realiza labores de vixilancia no exterior por se regresasen os moradores.

O individuo detido pasou a disposición do Xulgado de Instrución número 1 de Vilagarcía, en funcións de garda, que decretou a súa posta en liberdade.

19 de agosto de 2016 | 13:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.