publicidade hoxe

Un raio sería a posible causa dun incendio nunha casa en Cabanas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanasLocal PortadaSucesos
A-
A+
Europa Press

Un incendio, causado supostamente por un raio, nunha casa situada no lugar do Batán, no concello coruñés de Cabanas, causou importantes danos materiais na vivenda.

Segundo informou o CAE 112 Galicia, se ben non houbo persoas feridas, un can dos propietarios morreu asfixiado polo fume deste incendio rexistrado sobre as 6,00 horas deste xoves.

Así o relataron os efectivos de Protección Civil que se achegaron ao lugar tras ser alertados polo 112 Galicia. Segundo indicaron, ardeu moita madeira, un acumulador de calor, unha lavadora e un cuarto.

Así mesmo, sinalaron que o fume afectou ao illamento térmico do teito. Aínda que polo momento se descoñecen as causas do incendio, a caída dun raio é a causa máis probable da orixe do lume, segundo sinalan as mesmas fontes.

OPERATIVO

O CAE 112 Galicia recibiu a chamada do persoal do servizo provincial de incendios forestais informando do lume. Tras iso, pasou aviso aos Bombeiros do Eume, GES de Mugardos e Protección Civil de Cabanas.

Malia que o lume foi apagado polos veciños, os bombeiros achegáronse igualmente ata o lugar e, xunto cos membros do GES e de Protección Civil, ventilaron o inmoble. A Guardia Civil tamén foi informada polo 112.

25 de agosto de 2016 | 13:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.