publicidade hoxe

Sexto faladoiro do ciclo “Diálogos en educación”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Guarda
A-
A+

Tras o parón dos pasados días motivado pola celebración na Guarda das Festas do Monte, as súas festas máis recoñecidas, esta semana volven as charlas de “Diálogos en Educación”. Este será o sexto dos faladoiros e celebrarase o vindeiro xoves, 18 de agosto, ás 20 horas, no patio do colexio dos PP. Xesuítas en Camposancos. Esta actividade, promovida polo Concello da Guarda coa colaboración da Universidade da Coruña convida, nesta ocasión, ao profesor Uxío Otero Urtaza.

Uxio Otero Urtaza é Catedrático de Teoría e Historia da Educación da Universidade de Santiago de Compostela non Campus de Lugo. Doutor en Filosofía e Ciencias da Educación pola Universidade de Oviedo, posúe o Primeiro Premio Nacional de Investigación Educativa na súa convocatoria de 1990.

Destacado especialista no estudo da Institución Libre de Enseñanza, tema sobre o que publicou oito libros e máis doutros 60 traballos, entre os que salientan as investigacións sobre o pensamento educativo de Manuel Bartolomé Cossío, discípulo de Giner e un dos promotores das Misións Pedagóxicas da Segunda República.

Foi comisario da exposición “Misiones Pedagógicas, 1931-1936”, organizada pola Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, o Ministerio de Cultura e a Fundación Francisco Giner de los Ríos en 2006. Exposición que visitou de xeito itinerante as principais cidades do Estado.

Ten tamén estudos publicados sobre a formación de mestres en España como “A formazione dei maestri in Spagna: un approccio storico” (2000) e sobre literatura infantil: “Childrens Literature in wartime: the magazine ‘los Niños’ 1870-1877” (2010) 

Uxío Otero Urtaza foi Director da Escola de Formación do Profesorado de Lugo entre 1994 e 2003 e actualmente é Vicepresidente da “Sociedad Española de Historia de la Educación”. 

Este profesor da Universidade de Santiago animará un faladoiro titulado “Experiencias de vida, educación e vocación docente”, desde a perspectiva histórica da Institución Libre de Enseñanza a través das figuras de Francisco Giner, Manuel Bartolomé Cossío e Rafael Dieste.

16 de agosto de 2016 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.