publicidade hoxe

Sete persoas continúan ingresadas afectadas por unha intoxicación alimentaria nun bar de Narón

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+
Europa Press

Un total de sete persoas continúan ingresadas no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol como consecuencia dunha intoxicación alimentaria que sufriron hai unha semana nun establecemento hostaleiro da localidade coruñesa de Narón.

Segundo trasladaron fontes da Consellería de Sanidade, nas últimas horas -entre a tarde deste martes e o mediodía deste mércores- procedeuse a dar de alta a un dos ingresados, pero outra persoa acudiu aos servizos de urxencias do centro ferrolán e os seus facultativos, por mor do seu estado, decidiron tramitar o seu ingreso en planta para recibir tratamento.

Fontes sanitarias aseguraron que todos os pacientes están a responder de maneira efectiva aos medicamentos que se lles están fornecendo, polo que non se descarta que un bo número deles poidan recibir a alta nas próximas horas.

CAUSAS

Os inspectores de Saúde Pública determinaron, tras varias análises e tras acudir ao establecemento para recoller diversas mostras, que a causa desta intoxicación debeuse ao que eles denominan “contaminación cruzada”, que viría motivada por “un manipulador portador e por malas prácticas hixiénicas”, que derivou na intoxicación de boa parte dos clientes e mesmo algúns dos familiares do propietario.

A situación motivou que o pasado fin de semana, 20 e 21 de agosto, até quince persoas tivesen que ser ingresadas afectadas pola intoxicación no hospital ferrolán.

Ademais, como consecuencia deste resultado, por parte de Saúde Púbica decidiuse “decretar a suspensión da actividade do establecemento hostaleiro”, que permanece pechado á espera de novas comunicacións.

24 de agosto de 2016 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.