publicidade hoxe

Raquel Arias destaca que as feiras do libro son un bo marco para fomentar a lectura e impulsar o sector editorial galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugoMonforte de Lemos
A-
A+
Raquel Arias na presentación da Feira do Libro de Monforte de Lemos

Raquel Arias na presentación da Feira do Libro de Monforte de Lemos

A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou esta mañá na presentación da XIX edición da Feira do Libro de Monforte de Lemos, que se celebrará entre os días 24 e 27 de agosto.

Arias explicou que Monforte pecha este ano o calendario de feiras do libro, que foron convocadas baixo o lema “A patria na palabra” en homenaxe ao poeta Manuel María; “razón de máis -sinalou- para visitar a feira e lembrar ao noso escritor, que pasou boa parte da súa vida nunha libraría desta cidade”.

A delegada asegurou que a Xunta de Galicia “financia as feiras do libro no convencemento de que son un marco inmellorable para a procura de dous dos principais obxectivos da súa política cultural: fomentar o hábito da lectura entre a poboación e impulsar o sector do libro galego”.

Con respecto ao primeiro obxectivo, engadiu, “as feiras son eventos indispensables para a dinamización da lectura e serven para facer novos lectores, entre outras razóns porque resultan moi atractivas para os máis cativos”. Neste sentido, fixo referencia á programación que se desenvolverá en Monforte, que inclúe varias actividades expresamente dirixidas ao público infantil.

A delegada incidiu en que as feiras “son unha plataforma para os autores e autoras galegos; un gran escaparate para a produción editorial galega, un sector que crea cultura e que tamén é un piar económico importante dentro das industrias culturais, do que dependen autores, ilustradores, gráficos, editores, distribuidores e libreiros”.

Nesta liña, a delegada lembrou o apoio da Consellería de Cultura e Educación ao sector nas diferentes feiras do libro en Galicia e no exterior. Como exemplo, fixo referencia ás 14 feiras do libro organizadas este ano en Galicia, xunto coas cinco feiras do libro antigo e de ocasión, ou á Feira Internacional do Libro de Bos Aires, na que Galicia foi protagonista e na que participaron máis de 25 autoras e autores galegos.

19 de agosto de 2016 | 17:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.