publicidade hoxe

Os peiraos autonómicos da ría de Arousa incrementaron o número de embarcacións en tránsito nun 19%

Os portos de titularidade autonómica da ría de Arousa recibiron 440 barcos en tránsito durante o pasado mes de xullo. Así o comunicou esta mañá o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, nunha visita ás instalacións deportivas de Pedras Negras, no municipio do Grove.

Segundo datos facilitados polos propios xestores, as dársenas de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cabo de Cruz (Boiro), Rianxo, Vilanova e Pedras Negras (O Grove) incrementaron nun 19% de media o número de embarcacións en tránsito respecto ao mesmo período do ano anterior, no que recalaran nesta ría 371 barcos destas características. En concreto, Ribeira recibiu este xullo 64 embarcacións en tránsito; A Pobra, 220; Cabo de Cruz, 64; Rianxo, 19; Vilanova, 34 e Pedras Negras, 39.

Deste xeito, a ría de Arousa confirma a consolidación desta actividade portuaria que experimentara xa o pasado ano un importante ascenso no mes de xullo e que no que vai de ano está a manter os bos resultados. Non en van, o conxunto dos peiraos autonómicos de Galicia rexistraron no citado mes preto dos 2400 tránsitos, un 3,5 % máis que o ano pasado. Polo que respecta ás procedencias das embarcacións en tránsito, maioritariamente foron estranxeiras, sobre todo francesas e británicas.

Durante a súa visita a Pedras Negras, Durán Hermida lembrou a importante repercusión desta actividade para a economía local dos municipios costeiros dado o volume de negocio que xera no sector náutico e auxiliar e no sector servizos. Por este motivo, para Portos de Galicia, a captación de novos tránsitos é unha liña de traballo estrutural, tal como se recolle no Plan Estratéxico da Náutica Recreativa 2012-2020, que o ente público está a poñer en práctica.

Para impulsar estas chegadas, estanse a desenvolver accións promocionais dos portos deportivos de Galicia a nivel nacional e internacional. Así, cómpre reseñar a participación de Portos de Galicia, en colaboración con Turismo de Galicia, en eventos de referencia no sector do turismo náutico, como o a feira Fitur de Madrid, o Salón Náutico Internacional Grand Pavois, de La Rochelle, o Salón Náutico de París. Portos de Galicia ten previsto dar continuidade a estas accións en base á súa incidencia nas cifras de captación de actividade náutica para os peiraos galegos.

26 de agosto de 2016 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.