publicidade hoxe

O X Campionato de Tirapedras da Galiza central celébrase na Praza das Coles de Melide este venres

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLocal PortadaMelide
A-
A+

Organizada pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (www.agxpt.gal), celébrase este venres, 19 de agosto, o X Campionato de Tirapedras da Galiza central. Á cita é ás 11.00 h. na Praza das Coles de Melide, en pleno casco histórico da vila, e a ela espérase que acudan máis de medio cento de tiradores e tiradoras (a competición non distingue entre sexos).

O Campionato, que cumpre os seus primeiros 10 anos de vida, foi concibido pola AGXPT nas súas orixes como un xeito de reivindicación dos espazos tradicionais de xogo, nunha vila situada no centro de Galiza que posúe no seu casco histórico infinidade de prazas e recunchos nos que, en tempos, era posible xogar de xeito absolutamente libre. A reivindicación dos espazos tradicionais de xogo forma parte dunha corrente europea que se concreta nalgúns lugares baixo o concepto de cidades educadoras e que talvez en Galicia acadou o seu máis acaído referente teórico coa publicación recentemente d’A cidade dos nenos, de Francesco Tonucci (Kalandraka).

Co transcorrer dos anos, en efecto, a Praza das Coles (e nalgunhas edicións, outro espazos do casco histórico de Melide) foi retomando, por unhas horas, o seu protagonismo como espazo privilexiado para xogar. Paralelamente, o Campionato foi acadando tamén un peso específico por si mesmo que o leva a contar, ano tras ano, cun número de participantes considerable, tanto de persoas residentes como de visitantes ocasionais ou doutras chegadas especialmente para a ocasión. Unha sa rivalidade existe desde hai anos entre os tiradores e tiradoras avezados, que se retan ano a ano, aínda que a competición acabe sempre entre risos e chanzas nalgúns dos múltiples establecementos hostaleiros da vila.

Para a presente edición, a organización espera acadar –cando non melloralo– o mesmo éxito que nos anos precedentes. A Comisión de Festas da vila inclúe o evento dentro do programa de actividades e a Adega Mandil –establecemento local que ten demostrado reiteradamente o seu compromiso coa cultura– contribúe cos trofeos que os gañadores e gañadoras levarán para as súas casas.

Para celebrar o décimo aniversario do Campionato, a convocatoria inclúe por primeira vez un concurso de fotografía, no que se pode participar a través do perfil de Facebook da Asociación convocante: “AGXPT xogos tradicionais”.

Achégase o cartel do evento e o sinxelo regulamento que o rexerá. Como se pode ver, establécense dunhas categorías, por idades pero non por sexos. Como sucede en todos os xogos tradicionais, algúns detalles miúdos, tales como a distancia precisa de lanzamento, poden ser acordadas polos participantes antes de comezar a competición. Se algo caracteriza o xogo é que xogar é gratis, tamén neste caso, dado que non se cobra inscrición ningunha por participar.

17 de agosto de 2016 | 19:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.