publicidade hoxe

O voluntariado ábrese paso en Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos e a concelleira mosense Julia Loureiro informaron hoxe de que a consellería de Política Social da Xunta de Galicia, que dirixe o conselleiro José Manuel Rey Varela, concedeulle ó Concello unha subvención de preto de 5.000 euros para o Programa de Servizo de Voluntariado Xuvenil.

Dito programa constará de 8 voluntarios/as que colaborarán no mesmo un mínimo de 6 horas ó día durante un total de 60 días colaborando na Aula de Integración para alumnos/as expulsados/as do IES de Mos, no campamento infantil matinal Mañás de Verán, na Ludoteca Municipal de San Rafael durante a tempada estival; así como en outras actividades educativas e lúdicas para a poboación infantil e xuvenil, de dinamización medioambiental, relacionadas coa cultura e o turismo para poñer en valor o patrimonio cultural municipal e de apoio ás persoas dependentes e/ou con discapacidade.

As representantes municipais declararon a este respecto que “dende o Concello de Mos somos conscientes da importancia da acción voluntaria co obxectivo de promover a participación social dos cidadáns do municipio, por iso preténdese crear unha rede de voluntariado mediante a activación do Programa Municipal de Voluntariado, cunha sección inicial de voluntariado xuvenil”.

Tratarase dun programa coordinado entre as concellerías de Política Social, Participación Cidadá (OMIX) e Emprego que supoña un avance no desenvolvemento do voluntariado, na concienciación da poboación sobre a importancia da participación voluntaria, e na regulación da actividade voluntaria mediante a formación e o apoio de proxectos innovadores.

Arévalo e Loureiro explicaron que “sensibilización, promoción, formación, coordinación e apoio técnico ao voluntario son os eixes sobre os que se van a planificar as distinstas actuacións deste programa municipal”.

O Concello de Mos está rexistrado na Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado con número 563 e denominación “Concello de Mos: Voluntariado Social”. O nome do proxecto a desenvolver inminentemente e grazas a esta subvención de Política Social é “Mocidade Voluntaria de Mos VOLX-MOS”.

Os mozos/as de 16 a 30 anos que queiran pasar a formar parte deste proxecto como voluntarios poden acudir ó Concello para informarse ao respecto.

A edil Julia Loureiro e a rexedora local mosense consideran este proxecto “Mocidade Voluntaria de Mos” como un primeiro paso para converter Mos nun municipio máis solidario a través do fomento e o apoio ao voluntariado, coa importancia que ten facelo no rango de idade da mocidade, xa que os mozos solidarios de hoxe serán adultos solidarios no futuro.

O Concello de Mos xa ven sendo exemplo de actitudes e iniciativas solidarias promovendo, entre outros, o programa Mos Axuda, no que se coordinan os Servizos Sociais municipais, Protección Civil, empresarios, o Club de Leones de Mos e outros activos locais para dar resposta ás necesidades e demandas das familias mosenses máis desfavorecidas.

17 de agosto de 2016 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.