publicidade hoxe

O Sergas publica a contratación da redacción do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrolLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, visitou hoxe as dependencias do Hospital Arquitecto Marcide e do Naval de Ferrol. Esta visita ten lugar logo de que o Diario Oficial da Unión Europea publicara, o pasado venres, o anuncio da licitación do servizo de redacción do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol e a redacción do proxecto básico e de execución da Fase I.

Toda a documentación necesaria para presentar as ofertas está dispoñible no perfil do contratante do Sergas (www.sergas.es). A publicación no Diario Oficial de Galicia está prevista para mañá martes.

Os traballos a realizar polo adxudicatario do presente concurso serán a adaptación do Plan Funcional deste complexo hospitalario ás necesidades derivadas da creación da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Ferrol; a redacción do Plan Director e a redacción do proxecto básico e de execución da Fase I, co alcance que se defina unha vez se aprobe o plan director.

O Plan Director desenvolverá un traballo de investigación centrado nas infraestruturas físicas do complexo hospitalario que recolla o estado actual dos edificios e a partir deles, defina as modificacións arquitectónicas precisas para a transformación do complexo hospitalario nunha infraestrutura que dea resposta ás necesidades funcionais derivadas do novo Plan Funcional.

En consecuencia, o Plan Director definirá a proposta arquitectónica para o complexo hospitalario e as fases de execución para acadar a infraestrutura proposta, a partir do estado actual dos edificios e tendo en conta a necesidade de manter a actividade asistencial durante o proceso de execución. Será, por tanto, a folla de ruta que permita adaptar os espazos ás necesidades actuais e futuras, sendo, por tanto, necesario definir as distintas fases que permitan adecuar as actuacións en curso aos criterios que o Plan determine, e coa colaboración das e dos profesionais.

O Plan desenvolverá, como mínimo os seguintes apartados: o estudo urbanístico da área de actuación; a análise do estado actual da edificación e infraestrutura existente; a proposta de ordenación urbanística e previsión de terreos necesarios para executar as obras contempladas; a proposta arquitectónica de reforma e ampliación do complexo hospitalario desenvolvida a nivel de anteproxecto; e a programación das fases de execución das obras previstas, indicando expresamente o tempo estimado de execución de cada unha delas e a estimación do seu importe.

Sinalar, por último, que o prazo para a remisión das ofertas remata o 3 de octubre.

Durante a visita o conselleiro de Sanidade estivo acompañado do xerente do Sergas, Antonio Fernández Campa, do director de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas, e do xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada, Ángel Facio Villanueva.

29 de agosto de 2016 | 16:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.