publicidade hoxe

O proxecto de dinamización dos deportes urbanos “Urban Bueu” comeza esta fin de semana

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBueu
A-
A+

Esta fin de semana, a vila de Bueu vibrará ao son da primeira edición do Urban Bueu, un evento organizado polo Concello de Bueu, en colaboración do Motoclub Aldán, que combina actividades que teñen que ver co motor e outras paralelas que darán a coñecer varias disciplinas de deportes urbanos, ao tempo que os insiren no ambiente da vila.  A idea do proxecto é que Bueu se converta en todo un referente das disciplinas urbanas, e que os diversos espazos estratéxicos da vila poidan acoller exhibicións e competicións destes novos deportes que están agromando.

O alcalde de Bueu, Félix Juncal, resaltou hoxe na rolda de prensa que “esta fin de semana organízase unha alternativa deportiva, festiva e gastronómica”. Este proxecto suporá, pois, que “Bueu se converta na cidade do motor e que aprendamos desta experiencia para edicións futuras”.

Así, o venres e sábado haberá adestramentos de Dirt Track no Campo da Estacada, unha probas de competición de scooters, vespas e motocross que se celebrarán o venres a partir das oito da tarde, e o sábado a partir das seis. Debido a que se trata dunha proba competitiva, haberá premios para os tres primeiros clasificados, de 200, 100 e 75 euros.

No Paseo da Banda do Río terán lugar as exhibicións de Trial e Bike Trial, na que se poderá ver o venres e sábado a partir das 21 horas, a Javi Alonso, campión de Europa de Bike Trial, ademais, de Antonio Alfonso, terceiro clasificado de trial no mundo, e Martín Riobó, buenense que é campión de España.

Pola súa banda o aparcadoiro das Lagoas será escenario dos adestramentos de velocidade a cargo dos rapaces da Escola Lorenzo Competición, que terán lugar o sábado de 11 a 20 horas, e entre os que se poderá ver ao buenense Manuel Davila.

Pero o evento estrela será o domingo co descenso de bike desde o Outeiro ata o Norte, cun percorrido que abranguerá arredor dun quilómetro, e no que se agarda a participación duns 125 pilotos que competirán nesta modalidade. Pola mañá terán lugar os adestramentos e xa pola tarde dúas mangas de competición.

Este evento estará acompañado da Festa da Cervexa, que se celebrará os tres días na Praza Massó, na que estarán sete postos de cervexas artesás e na que a gastronomía tamén se deixará ver.  Concretamente poderanse probar cervexas de Menduíña, Cova da Serpe, Galician Brew, Saramagal, Faxilda, GalponBier e Kells, todas elas marcas galegas do bo facer e da recuperación das fórmulas artesás de facer cervexas, botando man dos métodos tradicionais. Os postos estarán abertos mañá venres de 18.00 a 01.00, o sábado de 12.00 a 01.00, e o domingo de 12 a 23.00 horas.

E a sección musical será o sábado na mesma praza a partir das 22 horas, co grupo nigranense Kalambrazo, formado hai dous anos para versionar temas de Heredeiros da Crus, La Polla Récords, Gatillazo, Reincidentes, Los Suaves, Motorhead, e outros temas propios. A partir das 23.15 deixarán o escenario ao grupo pontevedrés Black Dog, unha banda que naceu no 2009 a partir da mítica canción dos lexendarios Led Zeppelin. O seu estilo vai desde o rock clásico, o blues, soul, funky, hard rock, punk, pop, reagge, ata o rock sinfónico. Nas súas actuacións mesturan versións que marcaron a época dourada do rock da xeración dos 70-80 con temas propios cunha elaboración exquisita. 

25 de agosto de 2016 | 19:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.