publicidade hoxe

O Concello de Vilagarcía adquire 12 desfibriladores intelixentes para instalacións municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O Concello de Vilagarcía pretende que todas as instalacións municipais onde se rexistren concentración o tránsito de persoas estean dotados con desfibriladores intelixentes que poidan ser utilizados por calquera persoa en caso dunha emerxencia sanitaria. Con este obxectivo, a Xunta Local de Goberno aprobará mañá a adquisición de 12 desfibriladores intelixentes nos que se investirán 17.287 euros.

Os equipos que adquire Vilagarcía son os máis doados de usar que existen no mercado. Trátase de desfibriladores intelixentes deseñados para ser utilizados por calquera persoa. De feito, o sistema ten uns electrodos que informan mediante sinais auditivas e visuais na pantalla se están conectados correctamente. Ademais conta cun sistema de axuste automático de volume de xeito que o propio equipo mide o ruído ambiental para garantir as indicacións que emiten son perfectamente audibles pola persoa que está a usar o desfibrilador. O equipo tamén detecta si se está realizando correctamente a reanimación CPR e, de non ser así, axuda a completala con instrucións sonoras e visuais na pantalla.

Os 12 equipos compóñense de desfibrilador, electrodos, batería e manual. O tempo de carga é de menos de 8 segundos, e son aptos tanto para usar en adultos como en intervencións pediátricas.

O Concello de Vilagarcía dispón xa de varios desfibriladores en instalacións deportivas como o Manuel Giménez, o complexo multideportivo de Fontecarmoa e a Piscina Municipal, ademais dos dispoñibles nos tres postos de socorro das praias de Vilaxoán, Vilagarcía e Bamio, máis o existente na sede de Emerxencias e na ambulancia de Protección Civil.

Estes novos equipos distribuiranse no resto de instalacións deportivas e edificios públicos municipais, tanto administrativos, como o Concello, como por exemplo na Praza de Abastos.

Con esta medida o Concello pretende por os medios necesarios para poder atender calquera situación de emerxencia no menor tempo posible, sumándose así as numerosas campañas que se están a realizar en diferentes ámbitos para dotar as rúas e instalacións públicas de desfibriladores de uso público xa que, en situacións de paro cardíaco, a rapidez na actuación soe ser esencial para salvar unha vida.

Con estes equipos non é preciso ter coñecementos previos nin de primeiros auxilios nin do uso e manexo do equipo, posto que o mesmo aparato vai indicando ao usuario o que ten que facer e como facelo.

Non obstante, a previsión é complementar a dotación dos equipos con sesións informativas sobre o seu uso.

Hai uns días, na xuntanza que mantivo co representante de Semes Galicia, o propio alcalde, Alberto Varela, solicitoulle información sobre os requisitos que se deben cumprir para acadar o distintivo de Cidade Cardio Saudable, camiño cara o que se quere avanzar en Vilagarcía.

17 de agosto de 2016 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.