publicidade hoxe

O Concello de Mos acometerá a mellora integral do Pavillón Óscar Pereiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Deportes e tenente alcalde mosense, Alberto Méndez, informaron hoxe de que o Concello de Mos redactou e xa ten finalizado un proxecto de mellora do Pavillón Óscar Pereiro, cun orzamento que ascende a 130.904,73 euros.

Son obras consideradas de gran importancia por parte dos representates municipais por tratarse estas dunhas instalacións deportivas cunha enorme afluencia de usuarios, moitos deles nenos/as e nais/pais en horario de tarde. Tal é o uso deste pavillón municipal que á semana pasan por el unha media de preto de 4.000 persoas.

O Pavillón Óscar Pereiro está conformado por unha edificación de certa antigüidade e cuxo deterioro normal polo paso dos anos requería dun proxecto de mellora integral deste tipo.

As tres liñas de actuación que contempla este proxecto de mellora do Pavillón Óscar Pereiro son:

– Novos vestiarios para a piscina, que darán servizo principalmente á demanda de grupos de nenos pequenos, que son acompañados por adultos. Para iso, executarase unha estrutura encostada ao edificio principal, entre o pavillón deportivo e a piscina, o que permite engadir 150 metros cadrados de superficie para a creación de dous novos vestiarios.

Plantéxase unha redistribución global de toda a área de vestiarios, coa nova disposición conséguese ubicar, para cada sexo, un vestiario para grupos e outro accesible ademais do vestiario xeral e de monitores. Todos con acceso independente dende un pasillo de circulación. Para lograr este novo encaixe é necesario dispoñer de parte do espazo do vestíbulo xeral e unha nova organización dos aseos xerais. 

Aprovéitase tamén para dotar dunha correcta impermeabilización a estes espazos e así solucionar parte dos problemas de filtracións e humidades na planta do ximnasio. Impermeabilizaranse todo o chan dos vestiarios e as paredes, dispoñendo a impermeabilización en toda a altura da zona de duchas e vestiarios accesibles, e ata un metro no resto dos espazos. Instalarase tamén un novo pavimento antideslizante e a zona de duchas reestructurarase albergando cabinas de duchas individuais con mamparas de taboleiro laminado fenólico e zona de secado.

– Reparación de humidades no ximnasio, ocasionadas polas filtracións dos vestiarios da planta superior, que dan servizo á piscina. Será necesario localizar as posibles fugas e impermeabilizar o vestiario antes de revestir e pintar as zonas afectadas do ximnasio.

Na planta do ximnasio retirarase todo o falso teito, xa que gran parte deste atópase afectado polas filtracións de auga sufridas. Sanearanse tamén os parámetros verticais con síntomas de filtracións ou humidades. E unha vez realizados estes traballos, instalarase un novo falso teito.

Para solucionar o problema de accesibilidade na planta do ximnasio abrirase unha entrada accesible na fachada noroeste do pavillón. Para elo haberá que executar unha nova beirarrúa como continuación da existente para poder chegar á porta de xeito cómodo. Dita porta dará ó pasillo que comunica o ximnasio cos vestiarios que están situados baixo as gradas do pavillón polideportivo.

– Reparación da cuberta da piscina mediante a substitución do cerramento actual e a reparación dos elementos estruturais danados.

No lucernario da piscina os traballos propostos serán a retirada completa da carpintería existente para colocar no seu lugar unha nova formada por unha estrutura de montantes e pranchas de policarbonato de 25mm de espesor. Con este novo sistema redúcese considerablemente o peso deste elemento e mellora o confort interior posto que permite o paso da luz natural pero non dos rayos directos do sol. As planchas disporanse de maneira ininterrompida de coumbreira a cornisa, garantindo unha evacuación da auga da choiva rápida sen puntos conflictivos. Un novo canalón recollerrá a auga da choiva e reducirá a carga sobre o canalón existente na cuberta do volume actual.

Aproveitando todas estas obras descritas melloraranse tamén as condicións de evacuación contra incendios do edificio. Os traballos deberán estar executados e xustificados na data de 31 de decembro de 2017.

Para a execución desta mellora integral a Deputación de Pontevedra ven de conceder unha subvención incluída no Plan de Obras e Servizos para as actuacións de mantemento e reparación de instalacións deportivas na Piscina Municipal Óscar Pereiro. 

25 de agosto de 2016 | 19:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.