publicidade hoxe

O Concello de Cangas organiza unha visita guiada á mostra “Mulleres en acción: #Violencia Zero”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangas
A-
A+

O Concello de Cangas xunto coa Deputación de Pontevedra organizan unha visita guiada da exposición “Mulleres en acción: #violencia zero”. O acto terá lugar o vindeiro venres día 2 de setembro, ás 20:00h na Sala de Exposicións Ángel Botello da Casa da Cultura.

“Mulleres en acción: #violencia zero” é unha mostra na que se recollen os resultados dun proxecto de acción artística contemporánea levado a cabo o pasado 25 de novembro no espazo público. As premisas foron reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual da problemática da violencia machista no noso país, en particular, e, por extensión, no mundo. Foi unha proposta multisede de sensibilización para fomentar na cidadanía unha actitude crítica: promover a visibilidade das artistas novas galegas; provocar o achegamento á arte contemporánea a través do diálogo con todos os públicos, a experiencia e a creación colectiva; e incentivar a integración de mulleres e homes na loita contra unha realidade que afecta a todas e a todos.

Esta exposición recolle o sentir que a arte provocou o pasado 25 de novembro de 2015 (Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero) en 10 concellos da provincia de Pontevedra: Cangas, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Lalín, Tui, Tomiño, Moaña e Caldas de Reis.

As artistas participantes foron: Carme Nogueira, Ana Gesto, Adriana Pazos e Iria Acevedo, Rosa Neutro, Ánxela Blanco, Mónica Mura, Neves Seara, Laura Piñeiro, Mery Pais e Paulova.

30 de agosto de 2016 | 11:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.