publicidade hoxe

O Concello da Pobra do Caramiñal asina un convenio para a entrada en funcionamento do Centro de Día

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Pobra do CaramiñalLocal Portada
A-
A+
O conselleiro de Política Social na sinatura do convenio co alcalde da Pobra do Caramiñal

O conselleiro de Política Social na sinatura do convenio co alcalde da Pobra do Caramiñal

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, e o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro García, asinaron hoxe un convenio de colaboración para a próxima apertura do novo Centro de Día deste municipio coruñés, que ten unha capacidade máxima de 40 prazas e que inicialmente comezará a funcionar con 20 usuarios. Este acordo é o primeiro que se asina ao abeiro do convenio marco subscrito o pasado mes de maio entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) polo que se fixan unhas condicións concretas e estables para os concellos con escolas infantís e centros de día consorciados coa administración autonómica.

Na súa intervención, Rey Varela fixo fincapé na “importancia da colaboración entre institucións para impulsar a atención ás persoas e ás familias que máis precisan da axuda das administracións, como é caso dos nosos maiores e dependentes”. Neste sentido, o convenio subscrito esta mañá é o primeiro que se materializa ao abeiro do acordo xeral entre a Xunta e os rexedores e rexedoras representados na FEGAMP co obxectivo de garantir a viabilidade económica e futura dos servizos consorciados que se prestan no ámbito local.

Así mesmo, o conselleiro referiuse a este acordo coa FEGAMP e á nova Axenda Social Única de Galicia como “mostras do diálogo e espírito de colaboración entre administracións, conscientes de que entre todos debemos de apostar por unha política social que atenda ás demandas da xente, con independencia de cores políticas e de quen goberne”, dixo.

Segundo se recolle no convenio, o Concello contribuirá ao financiamento dos gastos de funcionamento deste centro de atención diúrna, achegando un importe de 2.500 euros ao ano por cada unha das prazas ocupadas por usuarios empadroados na Pobra do Caramiñal. Este mesmo mes comezarase a facilitar información ás familias para que as instalacións poidan acoller aos primeiros usuarios a partir do vindeiro mes de setembro. A xestión do centro, de titularidade autonómica e no que se investiron algo máis de 910.000 euros, correrá a cargo de COGAMI.

23 de agosto de 2016 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.