publicidade hoxe

O Concello convoca un concurso para pintar as pontes de entrada a Tui con obras artísticas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaTui
A-
A+

As concellerías de Cultura, Deporte e Limpeza e Medio Ambiente presentan o “Concurso de pintura Mural” para pintar as tres pontes de entrada á cidade de Tui dende Gondomar, A Guarda e Vigo con obras artísticas e inéditas. Coa intención de achegar o rico patrimonio natural e arquitectónico a cidadáns e turistas, os deseños da nova imaxe que terán estas pontes deben facer referencia ao río Miño, ao Monte Aloia ou ao conxunto histórico tudense.

Esta iniciativa ten como obxectivo, segundo José Martínez Tato, concelleiro de Medio Ambiente, Limpeza, Medio Rural e Participación Cidadá, que “os turistas leven unha boa impresión da cidade dende o primeiro minuto que visitan Tui”.

O concurso está aberto para calquera persoa que resida no territorio español, podendo presentarse individualmente ou en grupos, cun máximo cinco compoñentes. Cada participante deberá presentar un bosquexo xunto cunha fotocopia do DNI, autorización de pai, nai ou titor en caso de ser menor de idade e a ficha de inscrición que se adxunta nas bases da convocatoria. Toda a documentación debe ser enviada ao Concello de Tui ou presentarse no Rexistro de Entrada antes das 14:00 horas do xoves 15 de setembro de 2016.

O Concello de Tui anima a participar nesta iniciativa que se enmarca dentro do programa de coidado e mellora paisaxística da cidade. O estilo e a técnica é libre e os gañadores recibirán un premio de 300 euros. Ademais, o Concello farase cargo dos custes de pintura e materiais até un máximos de 300 euros e tamén porá a disposición dos artistas os medios necesarios para a execución das obras.

Esta iniciativa está promovida pola concellería de Deportes, Servizos Sociais e Turismo, de Ensino e Cultura e de Medio Ambiente, Medio Rural, Limpeza e Participación Cidadá. As bases completas da convocatoria atópanse dispoñibles na web do concello.   

23 de agosto de 2016 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.