publicidade hoxe

Medio Ambiente destinará uns 480.000 euros para rematar o equipamento deportivo da Regueira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMiño
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Miño. Foto: M. Fuentes

Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Miño. Foto: M. Fuentes

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e o concello de Miño veñen de firmar un convenio de colaboración que permitirá a construción de novas instalacións deportivas e un parque no núcleo urbano de Miño.

A titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, e o alcalde da localidade, Ricardo Sánchez, ratificaron hoxe este acordo, que inclúe un investimento duns 480.000 euros distribuídos en dúas anualidades.

Estas obras constitúen a segunda fase do equipamento da Regueira, de xeito que completarán o traballo realizado anteriormente pola Deputación da Coruña e o concello, e no que se investiron uns 300.000 euros.

En concreto, este proxecto do equipamento deportivo en A Regueira recolle: a construción dunha pista dedicada á práctica de running, así como a súa pavimentación con asfalto; a execución dunha pista de tenis e dúas pistas de pádel descubertas; o peche da zona deportiva e o seu alumeado; e a construción de gradas, dun parque infantil e de axardinamento.

Plan Hurbe

Estes traballos inscríbense no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 polo Goberno galego e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.

Ao abeiro do Plan Hurbe, téñense executado 105 actuacións, cun investimento total de 112 millóns de euros. Para este ano, o investimento para toda Galicia ascende a uns 11 millóns de euros: 6 millóns previstos nos orzamentos, máis unha ampliación de 5 millóns grazas ao orzamento recibido polo cumprimento da comunidade autónoma co déficit.

29 de agosto de 2016 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.