publicidade hoxe

Medio Ambiente destinará 4,3 millóns de euros á primeira fase da mellora do saneamento da ría de Pontedeume

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontedeume
A-
A+
Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Pontedeume

Beatriz Mato na sinatura do convenio co alcalde de Pontedeume

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá máis de 4,3 millóns na primeira fase do saneamento da Ría de Pontedeume. Así se recolle no convenio que asinou hoxe a titular deste departamento autonómico, Beatriz Mato, co alcalde da localidade, Bernardo Fernández.

Segundo destacou a conselleira, esta actuación “vai darlle solución aos principais problemas aos que se enfronta na actualidade a rede de saneamento de Pontedeume”. En primeiro lugar, prodúcense infiltracións de importantes cantidades de auga salgada no colector interceptor que transcorre ao longo do paseo marítimo e o porto; prodúcense problemas de verteduras pola incapacidade da rede de absorber os caudais, especialmente en época de choiva; e envíase un caudal excesivo á EDAR desde o bombeo de Pontedeume.

Para solucionar estes problemas, o proxecto presentado hoxe contempla, entre outras melloras, a execución dun novo colector interceptor cun diámetro de entre 800 e 1.400 milímetros, moi superior aos 400 milímetros do actual.

Tamén se construirá un tanque de retención, que permitirá regular os caudais enviados á EDAR, así como reducir o número de verteduras na zona. Ademais, porase en marcha unha cámara de bombeo e impulsión, anexa ao tanque de retención, que enviará as augas á EDAR de Centroña.

Xa por último, a conselleira precisou que se procederá a renovar a tubaxe de abastecemento do tramo afectado polo novo colector, e que se repoñerán todos os firmes e pavimentos afectados pola execución das obras.

A estimación é que estes traballos permitirán beneficiar a máis de 9.000 habitantes equivalente e que resultarán “fundamentais” para mellorar a calidade de vida do marisqueo na Ría de Pontedeume.

Mato recordou que esta actuación se inscribe na firme aposta do Goberno galego por mellorar o saneamento e abastecemento en Galicia. Ao respecto, fixo fincapé en que nos últimos anos téñense investido máis de 1.100 millóns de euros a saneamento e depuración, un esforzo que se traduce nunha mellora do estado das nosas augas: en 2009, ao redor do 70% das augas de Galicia eran de boa calidade, unha porcentaxe que agora acada o 78%.

30 de agosto de 2016 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.