publicidade hoxe

Máis de 400 padexeiros participarán no XXXI Descenso do Tambre

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesDeportesDeportes Portada
A-
A+

Este domingo, 20 de agosto, terá lugar en Ames o XXXI Descenso do Tambre. A cita deportiva é organizada cada verán polo Club Ribeiras do Tambre de piragüismo en colaboración co Concello de Ames. O encontro divídese en dúas probas: a de descenso, de 5.400 metros de distancia, e a de circuíto, de 1.500 metros de percorrido, enmarcada na Liga Provincial da Coruña. Nesta proba participarán máis de 400 deportistas, 49 dos cales pertencen ao Club Ribeiras do Tambre.

65 padexeiros e padexeiras das categorías kaiak home (veterano, sénior, júnior e cadete), kaiak muller (sénior, júnior e cadete) e canoa home (sénior, júnior e cadete), daranse cita este domingo 18, ás 12:30 horas, en Portomouro (Val do Dubra). Alí comeza un percorrido de 5.400 metros de lonxitude que remata na praia Fluvial de Tapia. É a primeira proba das dúas que terán lugar dentro do XXXI Descenso do Tambre. Unha cita deportiva ben asentada no calendario do piragüismo galego. A segunda parte, a regata provincial, desenvolverase entre as 16:00 e as 19:30 horas. Para isto un circuíto de quilómetro e medio instalarase na praia fluvial de Tapia.

En total participan nesta 3ª Regata 344 deportistas, dos cales 49 padexeiros e padexeiras do Club Ribeiras do Tambre. 31 rapaces nas categorías cadete, infantil, benxamín e alevín masculinas, e 18 nas cadete, infantil, alevín e benxamín femininas. Esta é a terceira regata das catro da Liga Provincial da Coruña. As citas deportivas previas tiveron lugar o 31 de xullo, en Narón, e o 13 de agosto, en Pontedeume. A vindeira, e que pechará a liga, celebrarase na Coruña o día 28 de agosto. Os bos resultados dos padexeiros e padexeiras amesás colocan ao Club Ribeiras do Tambre na cuarta posición de entre once clubs de piragüismo.

Na categoría Cadete masculina K-1300 participarán, do club Ribeiras do Tambre, Ángel González, David Otero, Gabriel Martínez, Gonzaol Diz e Juán Alfredo Martínez. Na Infantil -A masculina K-1 1500 farano Abel Álvarez, Bernabé Pais e Ismael Docampo. Na Infantil-B representarán ao club Antón Rivas, Luís Guilbert, Martín Cancela, Damián Ramos e Isaac Recarey. Rubén Balsa competirá na categoría Alevín-A K-1 1500. A categoría Alevín-B K-1 1500 é a que conta cunha maior presencia de padexeiros amesáns; nela remarán Brais Pérez, Jonathan Neo, Martín Antelo, Isaac Rey, Rodrigo Viqueira, Rodrigo Fontán, Xoán Álvarez, Eloi Zabala e Samuel Martínez. Por último, na categoría dos máis pequenos, a Benxamín K-1 1500, participarán Manuel José Rubial, Rocco Esteba, Roi Peres, Xoán Rivas, Hugo Davila, Esteban Varela, Martín González e Pablo Gosende.

O Club Ribeiras do Tambre contará con representación feminina  en cinco categorías. Na Cadete K-1 3000 competirán Andrea Tuñas e Lorena Viaño. Na Infantil-A K-1 1500 estarán Alicia Medina, Ana Zaballa, Belén Gosende, Claudia Davila e Nerea García. Na Infantil-B K-1 1500 remarán Laura Ardións, Fátima del Blanco e Nuria Durán. Na categoría Alevín-A K-1 1500 competirán Carla Cantelar e Clara Zaballa. A categoría Benxaín K-1 1500 é, por última, a que conta co maior número de padexeiras amesás. Nela estarán Candela Esteban, Elena Tedin, Lorena Pais, Saray Guilbert, Rebeca González e Lorena González.

A entrega de premios do descenso realizarase ás 14:00 horas. Haberá trofeos para os deportistas das tres primeiras embarcacións de cada modalidade e categoría. Tamén se entregarán trofeos aos tres primeiros clubs clasificados. A entrega de premios das categorías cadete, infantil, alevín e benxamín- que compiten na regata provincial- realizarase arredor das 20:00 horas. 

19 de agosto de 2016 | 18:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.