publicidade hoxe

Galicia convértese no epicentro do turismo de surf coa 29 edición do Pantin Classic Galicia Pro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaValdoviño
A-
A+
Presentación da ‘Pantin Classic Galicia Pro’

Presentación da ‘Pantin Classic Galicia Pro’

A praia de Pantín acolleu esta mañá a presentación da 29 edición do circuíto mundial da World Surf League/WSL, ‘Pantin Classic Galicia Pro’ nun acto que contou coa participación do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa.

No ámbito do surf, tanto en Galicia como no resto de España, o certame ‘Pantín Classic Galicia Pro’ ocupa un lugar moi destacado e xa constitúe unha das probas de surf máis importantes do calendario internacional. É un dos poucos que se celebra a este nivel en Europa e o cuarto máis antigo a nivel internacional.

Un ano máis, a Xunta de Galicia colabora na organización e promoción deste gran evento turístico-deportivo afianzándose como un dos colaboradores principais dun campionato que, ademais de posibilitar aos asistentes coñecer unha das nosas praias aptas para a realización da práctica deportiva e posicionar a nosa comunidade como destino de surf, permitirá mostrar todo o encanto da Galicia costeira.

Así, durante a súa celebración, dende mañá 30 de agosto ata o próximo 4 de setembro, a nosa comunidade acollerá aos mellores surfistas profesionais que chegarán a Galicia dende todas partes do mundo. E neste ano, especialmente, xa que esta nova edición bateu récords de inscricións con 204 participantes.

Durante o acto de presentación, o secretario xeral para o Deporte, destacou que o nivel deportivo alcanzado pola proba, e do que son responsables aos pioneiros galegos deste deporte e por suposto ao Club Praia de Pantín, é o reclamo definitivo para ser un destino inmellorable para practicar surf. Afirmou que acollemos a turistas que se fan surfistas e a surfistas que rematan facendo turismo, todo iso en beneficio último deste deporte que, cada vez máis, se consolida en Galicia.

Finalmente, o secretario xeral para o Deporte, explicou que Galicia é a segunda comunidade autónoma en número de licenzas e de clubs en todo o territorio nacional, acreditándose novamente que o surf en Galicia continua medrando co Pantin Classic como peza determinante no motor deste crecemento.

29 de agosto de 2016 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.