publicidade hoxe

Francisco Conde subliña a aposta de Aludec pola mellora nos procesos e produtos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Visita do conselleiro Francisco Conde a Aludec

Visita do conselleiro Francisco Conde a Aludec

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, subliñou hoxe na súa visita ás instalacións de Aludec en Ponte Caldelas a aposta continua desta empresa que fabrica pezas de decoración interior e exterior para os fabricantes de automoción de todo o mundo pola mellora nos procesos e produtos.

“Esta empresa de capital galego é un referente da industria de compoñentes de automoción en Galicia; unha empresa familiar de terceira xeración que está sabendo crecer, consolidándose polo seu saber facer en materia de innovación e de industrialización”, destacou Conde. Neste sentido, apuntou que esta aposta por mellorar os procesos produtivos define a competitividade da industria galega de compoñentes da automoción, que dá así resposta aos clientes máis esixentes.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria subliñou o compromiso de Aludec cos investimentos para seguir crecendo, coa posta en marcha o ano pasado de dúas novas naves no polígono da Reigosa, unha para sumar outra liña de cromado e unha segunda para Aludec Componentes, o que permite á empresa incrementar a capacidade produtiva e atender a demanda de acabados especiais.

Na súa visita a Aludec, que emprega a máis de 300 persoas en Galicia e que exporta o 85% da súa produción, Conde sinalou que a innovación é unha peza estratéxica no futuro da automoción en Galicia. Este sector dá emprego a arredor de 19.300 persoas, ten un volume de facturación de 7.000 millóns de euros ao ano e está a ser clave na implantación da fábrica intelixente en Galicia.

30 de agosto de 2016 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.